A EGAP celebra as Letras Galegas cunha homenaxe ás cantareiras e cunha aposta polo galego nas TIC
venres, 16 de maio do 2025
A Escola Galega de Administración Pública celebrou este venres 16 de maio o acto de conmemoración do Día das Letras Galegas cunha homenaxe ao legado cultural das cantareiras e á poesía popular, no que participaron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos. Ademais da homenaxe ás cantareiras, fíxose un repaso pola folla de ruta do galego no ámbito tecnolóxico, dous ámbitos (lingua e ferramentas dixitais) cuxa celebración conflúe significativamente cada 17 de maio (no que tamén se celebra o Día de Internet).
“Rendemos tributo a Adolfina e Rosa Casás, a Eva Castiñeira e ás Pandereteiras de Mens, Manuela Lema Villar e as irmáns Prudencia e Asunción Garrido Ameijende. Elas fixeron da música un acto de identidade a través do cal crear comunidade. As nosas cantareiras, tocadoras e bailadoras ergueron a súa voz para dignificar a nosa propia identidade. Grazas a súa voz, o galego non deixou de escoitarse pasando de xeración en xeración”, destacou o conselleiro de Facenda, poñendo en valor o seu legado cultural e o seu papel na conservación do galego ao longo da historia.
Corgos aproveitou a súa intervención para resaltar e agradecer o compromiso da Escola Galega de Administración Pública coa difusión e o fomento do emprego da lingua galega. Deste xeito lembrou que, ao longo de todo este ano, a EGAP ten programadas preto de 50 actividades para favorecer o uso da lingua galega, das que se beneficiarán máis de 1.600 persoas, que poderán participar nas máis de 3.100 horas de formación.
O conselleiro de Facenda puxo o foco “no salto vertixinoso que, tanto a nivel de coñecemento, como de desenvolvemento e de preservación do noso idioma, se ten dado” e incidiu “na necesidade de traballar todos xuntos a prol do galego, desde a concordia e a liberdade”.
Nesta liña, destacou obxectivos como o de seguir avanzando no desenvolvemento do Proxecto Nós de Intelixencia Artificial para garantir a presenza da lingua galega no eido tecnolóxico; impulsar o uso do galego no tecido socioeconómico da man dos profesionais, colectivos e empresas vinculadas á industria e ao comercio; ou favorecer a creación de produtos tecnolóxicos destinados ao público infantil e xuvenil que favorezan o contacto coa lingua desde idades temperás.
Pola súa banda, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, sinalou que as pandeireteiras “son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade posto que fortalecían os vencellos comunitarios do lecer colectivo inconscientes, da súa foza emocional e política, transmitindo o patrimonio cultural galego de xeración en xeración”.
Durante a xornada conmemorativa leváronse a cabo diversas actividades para dar a coñecer o legado das cantareiras como o relatorio que impartiu a filóloga, escritora e fundadora do grupo Arredores, Icía Varela, centrado no seu libro Cantareiras: un percorrido polo legado da música e a poesía popular. A tradición das pandareteiras. As Vellas de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás.
O acto completouse coa proxección dun vídeo homenaxe e unha actuación musical a cargo de Emilio Rúa.