A IA e a ciberseguridade centrarán en outubro o congreso DATAfórum Xustiza 2026 na Coruña
luns, 16 de febreiro do 2026
A Coruña acollerá os días 21, 22 e 23 de outubro o principal congreso dedicado á dixitalización, o uso dos datos e a transformación do servizo público de Xustiza: o DATAfórum Xustiza 2026. O evento está organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, en colaboración coa Universidade da Coruña e o Concello da Coruña co apoio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
As entidades organizadoras explican que DATAfórum consolidouse como “espazo estratéxico para impulsar a modernización do sistema xudicial con máis de 1.500 persoas rexistradas no ano 2025” e que durante varias xornadas “o foro reunirá a especialistas e actores clave para analizar os retos da Xustiza na era dixital”.
Trataranse cuestións prioritarias como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, os dereitos fundamentais e o impacto social das novas tecnoloxías. O programa incorporará unha mirada humanista que integra a ética, a cultura e a innovación como eixos de transformación.
Este ano o evento contará con conferencias maxistrais, mesas de debate, obradoiros prácticos e espazos de encontro dirixidos a estudantes, asociacións e empresas innovadoras do sector. O obxectivo é “avanzar cara a unha Xustiza máis dixitalizada, accesible, inclusiva e próxima á cidadanía.
Entre as actividades máis destacadas está o DATAthon Xustiza, un reto para o talento novo no que se reúnen estudantes de distintas universidades españolas, organizados por equipos multidisciplinarios, para desenvolver solucións tecnolóxicas innovadoras ante os desafíos vinculados á Xustiza.
Un evento que amplía o seu alcance e relevancia
Tralo éxito da súa edición 2025 en León, que reuniu a máis de 1.500 profesionais, 40 institucións públicas, 36 empresas tecnolóxicas e 8 universidades, con 168 relatores e 212 actividades, o DATAfórum consolídase como “o principal espazo para visibilizar proxectos de dixitalización e fortalecer a colaboración entre administracións, sector privado e academia”, engadiron as entidades organizadoras.
