A UDC organiza un encontro aberto sobre o impacto da IA no emprego
venres, 13 de xuño do 2025
A Universidade da Coruña, no marco da iniciativa UDC Conecta, e o Consello Económico e Social de Galicia, organizan unha xornada aberta dirixida a empresas, entidades e persoas interesadas en coñecer de primeira man o impacto presente e futuro da Intelixencia Artificial (IA) na sociedade, no emprego e na competitividade empresarial.
O evento desenvolverase entre as 9.45 e as 14.15 horas do vindeiro luns, día 16 de xuño, no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC e contará coa participación de expertos e expertas da UDC, así como representantes institucionais e de axentes sociais e económicos.
A sesión iniciarase ás 9.45 horas coa benvida institucional a cargo de Ángel Fernández Castro, vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica da UDC, e Manuel Pérez Álvarez, presidente do Consello Económico e Social.
Ás 10.00 comezará a conferencia inaugural A Intelixencia Artificial: entre o mito e a realidade, a cargo da catedrática da UDC e investigadora do CITIC, Amparo Alonso Betanzos. A continuación, Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta de Galicia, ofrecerá un relatorio sobre a aplicación da IA aos servizos públicos de emprego.
A xornada inclúe así mesmo dúas mesas de debate. A primeira, ás 10.45 horas, abordará o impacto da IA no emprego e contará coa participación de Zeltia Lado Lago; Ana María Aba Catoira, profesora titular da UDC; representantes da CIG, UGT e CCOO; así como de José Antonio Neira Cortés, secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Galicia.
A segunda mesa será ás 12.30 horas e estará centrada nas aplicacións da IA para impulsar a competitividade e a sustentabilidade de empresas e administracións. Nela participarán Jerónimo Puertas Agudo, vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC; Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC; Carlos J. Escudero Cascón, adxunto TIC da UDC; Bertha Guijarro Berdiñas, profesora titular da UDC e investigadora do CITIC; e Javier Martínez Torres, profesor da Universidade de Vigo e conselleiro de Possible Incorporated, S.L.
O acto será clausurado ás 13.45 horas polo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad. Ao remate da sesión celebrarase un espazo de networking. A asistencia é libre ata completar aforo.