Investigadores de Vigo e Salamanca usan a IA para adestrar a empatía dos estudantes da medicina
venres, 13 de febreiro do 2026
Co propósito de que as e os futuros profesionais do ámbito médico poidan traballar as habilidades comunicativas e empáticas, fundamentais para o seu traballo, docentes das universidades de Vigo e Salamanca desenvolveron un proxecto de innovación docente que propón o uso de intelixencia artificial xerativa como ferramenta para adestrar estas habilidades nunha contorna simulada.
Trátase dun chatbot que permite emular unha conversa con diferentes perfís de pacientes e achégalles unha avaliación sobre o seu desenvolvemento de xeito inmediato. Esta ferramenta foi deseñada por un equipo multidisciplinar de investigadores e investigadoras, dos que forma parte o profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán.
O proxecto permite ao estudantado “practicar as súas habilidades comunicativas de forma repetida, segura e personalizada, creando situacións clínicas simuladas, con avaliación e feedback inmediato”, sinala o director da investigación, Carlos Montilla, profesor do Departamento de Medicina da Usal e reumatólogo no Hospital Clínico Universitario de Salamanca.

- O profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán
“Os médicos teñen que dar malas noticias e hai que aprender a dalas”, engade Martínez Rolán, que traballou no deseño desta ferramenta xunto aos reumatólogos Carlos Montilla e Esther Toledano e á psicóloga Beatriz Vicente.
Combinando coñecementos de diferentes áreas, o seu traballo centrouse en empregar a intelixencia artificial xerativa para “adestrar un chatbot para que sexa capaz de simular as personalidades de varios pacientes”, que permitan que o alumnado de Medicina traballe “habilidades de comunicación e de empatía”. O resultado, sinala o investigador do grupo Sepcom, é “unha experiencia piloto para implantar na aula un chatbot que permite ao alumnado enfrontarse a posibles casos, cun comportamento similar ao que tería un paciente real”.
A tecnoloxía de conversa deseñada permite practicar conversas clínicas tantas veces como sexa necesario, recibir retroalimentación inmediata e tomar conciencia do impacto da linguaxe, o ton e a actitude profesional no benestar das e dos pacientes.
Nesta experiencia piloto os investigadores deseñaron tres perfís de pacientes, afectados por diferentes enfermidades reumatolóxicas e dirixidos a traballar diferentes aspectos comunicativos, como a validación emocional ou a escoita activa. Deste xeito, o estudantado pode interactuar con pacientes virtuais que simulan distintos perfís clínicos, en situacións emocionalmente complexas, como pode ser comunicar un diagnóstico difícil, xestionar o medo ou a ira dun paciente, explicar un tratamento crónico ou acompañar en procesos de incerteza. Todo iso “nunha contorna segura, sen presión asistencial e coa posibilidade de repetir, reflexionar e mellorar”.

- Carlos Montilla, á dereita, xunto ao director do Departamento de Medicina da Usal, Miguel Marcos Martín. Foto: Raquel J. Santos / Comunicación USAL
Os algoritmos desenvolvidos permiten á súa vez que esta interacción vaia evolucionado, segundo a actitude comunicativa do estudante.
Ademais, explica Martínez Rolán, trátase dunha ferramenta “cun comportamento dobre”, xa que, unha vez a persoa usuaria introduce “as palabras de control, deixa de comportarse como un paciente e avalía toda a conversa”. Nesta avaliación, explica, infórmalle sobre “como foi a súa intervención e como interaccionou”, á vez que lle informa de que “puntuación obterían segundo a escala de empatía de Jefferson” e lle ofrece “información sobre como comunicar malas noticias”.
Martínez Rolán lembra que esta experiencia xorde da colaboración que mantén coa Sociedade Galega de Reumatoloxía, coa que desenvolve cada mes actividades formativas sobre aplicacións prácticas da IA xerativa. Os primeiros traballos desta “rede interdisicplinar” para o desenvolvemento desta ferramenta foron así mesmo abordados nunha comunicación presentada o pasado mes de outubro no II Congreso Internacional do Campus Crea.
