O 25F culmina en Santiago o proxecto Ciber-Eco cun laboratorio de ciberseguridade
luns, 16 de febreiro do 2026
O proxecto estratéxico Ciber-Eco, liderado pola directora científica do Centro Interuniversitario Ecobas e catedrática da USC María Loureiro, culmina o vindeiro 25 de febreiro coa celebración do Ciber-Eco Lab. En palabras de Ecobas, CiberEco é investigación de fronteira, feita en Galicia, co obxectivo de “contribuír a situármonos na vangarda da ciberseguridade a nivel global”.
O obxectivo agora é que “tras dous anos de traballo crear un espazo de intersección útil, onde abordar escenarios reais dende unha perspectiva práctica”, favorecendo a transferencia de coñecemento e a conexión ciencia-empresa-sociedade.
Con este espírito, abriu o prazo de inscrición para a participación gratuíta neste foro, o Ciber-Eco Lab, que terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o mércores 25 de febreiro. Alí daranse cita profesionais da ciberseguridade, responsables empresariais e públicos, investigadores da academia, corpos de seguridade do Estado e tamén representantes da nova xeración de talento novo que se está a formar nas aulas para coidar da nosa seguridade dixital.
O obxectivo de Ecobas con esta cita é abordar “unha ampla axenda temática onde inserimos a análise dos impactos transversais e masivos da disrupción tecnolóxica global en termos socioeconómicos”. Será, en palabras do grupo, unha oportunidade para “descubrir fórmulas para protexer a vida e os negocios na contorna dixital, a cada paso máis complexa”.
A cita será o no Edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago, o mércores 25 en horario de mañá e de tarde: de 9.30 a 18.30 h. As inscricións pódense facer en liña xa.
O proxecto Ciber-Eco achega en palabras da investigadora María Loureiro “un enfoque disruptivo no estudo da ciberseguridade e a súa relación coas ameazas ambientais globais nun contexto de cambio climático”.
O equipo da iniciativa adicouse a indagar como se relacionan as distintas ciberameazas e fendas de ciberseguridade con situacións de crise política, eventos ambientais extremos e outras vulnerabilidades; que características comparten as vítimas dos ciberataques; como impactará a maior recorrencia de eventos extremos á ciberseguridade en España; e que sectores económicos, lugares e recursos poden ser máis susceptibles a ataques de ciberseguridade nos distintos escenarios climáticos.
Na súa segunda fase o proxecto pon o foco nos impactos económicos en sectores económicos específicos, a nivel microeconómico, centrándose na vulnerabilidade do pequeno tecido empresarial en España, en concreto en pemes e autónomos.
