Vodafone inicia a comercialización de fibra ata 10 Gbps para grandes empresas e administracións
luns, 16 de febreiro do 2026
Vodafone Empresas iniciou a comercialización da súa nova conectividade FTTH de ata 10 Gbps simétricos, deseñada, en palabras da operadora, “para responder ás crecentes necesidades de grandes empresas e administracións públicas que esixen o máximo rendemento, estabilidade e capacidade nas súas contornas dixitais máis avanzados”.
Engade Vodafone que este novo servizo, baseado na tecnoloxía XGSPON, permite alcanzar velocidades ultra rápidas cun aproveitamento máis eficiente da rede, achegando un rendemento optimizado para organizacións con alta demanda de transmisión de datos. Desta forma, a operadora multiplica por ata 10 a súa velocidade de subida e baixada de datos á rede, posto que ata o de agora comercializaba 1 Gbps simétrico (mesma velocidade para subida e baixada de datos á rede).
Este lanzamento enmárcase no proceso de modernización de rede que Vodafone executou na maioría das provincias, incorporando novos equipos de acceso e ampliando a capacidade de transporte da súa rede troncal.
“Grazas a esta evolución”, sinala a compañía, “garantimos unha conectividade de ultra alta velocidade con altos estándares de calidade, dispoñibilidade e fiabilidade, ofrecendo ás organizacións unha infraestrutura sólida sobre a que construír os seus plans de dixitalización”.
Engade Vodafone que o seu obxectivo é “dar resposta á necesidade de contar con máis largo de banda en momentos de picos de tráfico, meirande estabilidade para aplicacións críticas e unha rede preparada para escalar sen redeseñar a arquitectura existente”.
Esta conectividade facilita ademais a adopción avanzada de servizos cloud, a protección de datos mediante copias de seguridade e recuperación e unha colaboración fluída entre sedes, sen degradación do rendemento mesmo en escenarios de gran esixencia.
Este servizo está especialmente orientado a sectores como a industria manufactureira, o sector financeiro, a sanidade, a educación superior e as administracións públicas, ámbitos onde o uso intensivo de plataformas na nube, a automatización de procesos e a xestión de volumes masivos de información requiren infraestruturas robustas, resilientes e con capacidades de transmisión moi elevadas.
A conectividade ata 10 Gbps comercializarase a través das canles habituais de Vodafone Empresas para empresas e institucións.
