A Asociación de Internautas alerta dun novo virus

luns, 5 de marzo do 2007 Raquel Noya

Mail server report”: cantas veces teremos visto este texto nos centos de correos electrónicos que, por diversos fallos na Rede, chegan de volta ás nosas contas? Pois ben, nesta ocasión, se o e-mail vén acompañado do ficheiro adxunto “Update-KB7571-x86.zip” ou semellante, non deberemos abrilo nin descargalo, pois trátase dun virus denominado “gusano” (ou “verme”) que, segundo a Asociación de Internautas, infecta gravemente o ordenador. Nas últimas horas, esta asociación detectou a recepción de miles de correos electrónicos fraudulentos e a gran escala que conteñen un falso aviso-reporte do provedor de correo. Ditas advertencias incorporan unha suposta actualización que, en realidade, é un virus que debemos ignorar para evitarnos males maiores nos nosos PC´s. A Asociación de Internautas tamén recomenda actualizar o cortalume cun novo módulo para evitar un posible andazo xa que a gran maioría dos antivirus que temos instalados non detectan esta ameaza, de aí a perigosidade do becho.