A Axenda 2014.gal recibe hoxe o Premio á Iniciativa da Administración concedido polo CPEIG
venres, 15 de outubro do 2010
A Axenda
2014.gal, a iniciativa da secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica
que nun prazo máximo de catro anos pretende levar ao noso país a competir coas
primeiras potencias europeas en materia de novas tecnoloxías e Internet, é un
proxecto que, polas súas aspiracions e pola súa envergadura merecía ser
recoñecido mesmo antes de comprobar se se cumpliron os obxectivos marcados.
O Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, adiantándose a outras
entidades que seguramente tiñan en mente recoñecer o mérito que sen dúbida ten
este proxecto, vaille entregar hoxe o Premio
á Iniciativa da Administración que recollerá a secretaria xeral de
Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, no marco da II Noite da Enxeñaría en Informática de
Galicia, que se celebra en Santiago de Compostela.
Con este
galardón o devandito organismo profesional, que
suma preto de 300 colexiados e colexiadas, recoñece a elaboración dunha
estratexia tecnolóxica que formaba parte dos compromisos do actual goberno e que
establece os pasos para converxer coa estratexia global europea nesta materia
no horizonte do 2014, segundo informan dende a entidade pública, “sen perder de vista o actual marco de
austeridade e contención do gasto”.
Lembremos que a Axenda 2014.gal contempla cinco obxectivos estratéxicos,
os cinco que quizais levaron ao xurado dos Premios a concederlle o galardón, e
que son os que seguen: a modernización da Administración para facela máis
eficiente, eficaz e próxima á sociedade; a competencia dixital dos cidadáns
como base para o emprego de calidade; o cambio profundo, a través do
uso das TIC, do modelo produtivo;
a transformación e articulación dos axentes
do sector TIC para convertelo en sector estratéxico de futuro e tractor do
resto de sectores chave para Galicia e o despregamento de infraestruturas de telecomunicación para a
vertebración territorial.
Estes Premios, como viñemos informando ao longo de toda a semana, serán
entregados esta mesma noite nun acto conmemorativo no Hostal dos Reis Católicos
en Santiago de Compostela.
Ademais da Axenda 2014.gal, o CPEIG vai
premiar ao Proxecto Fin de Carreira de Roberto Rey Expósito; a factura electrónica
da Consellaría de Facenda; a traxectoria profesional do conselleiro delegado e
fundador de Códice Software, Pablo Santos Luaces e ao Clúster TIC de Galicia.
