A Cidade das TIC acolle un concerto audiovisual inmersivo de Marta Verde & José Venditti no ciclo (IN)VISUAL

venres, 8 de maio do 2026 S. P.

Ao longo deste mes de maio, a cultura dixital contemporánea está máis que presente na cidade da Coruña co proxecto (IN)VISUAL, un novo ciclo de música audiovisual impulsado pola Deputación da Coruña, que ten lugar na Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató de produción virtual de España, situado na Cidade das TIC, onde antes se atopaba a antiga Fábrica de Armas da Coruña.
As experiencias de (IN)VISUAL están programadas os sábados de maio (2, 9, 16 e 23), cun total de catro concertos LIVE AV e un cartel que contará coa presenza dos e das artistas de referencia da cultura audiovisual contemporánea galega, española e internacional MAOTIK, Marta Verde & José Venditti, Estela Oliva & Ana Quiroga e MIL111. Cómpre sinalar que este emprendedor evento de arte e tecnoloxía en Galicia está impulsado pola Deputación da Coruña, coa curadoría de HITO, no marco do CEI Lab.
Indo a este sábado, 9 de maio, dicir que o (IN)VISUAL traerá unha nova experiencia a cargo da pioneira Marta Verde e o músico José Venditti. O ciclo de concertos audiovisuais inmersivos leva de novo esta fin de semana a mellor cultura dixital contemporánea á Cidade das TIC.
Habituais de espazos de referencia para a cultura contemporánea internacional como Medialab Prado, L.E.V., Casa Encendida ou o Museo Reina Sofía, o tándem artístico formado por Marta Verde & José Venditti presentarán no CEI da Coruña, este sábado, ás 20.30h, a súa obra Prima Materia, unha experiencia inmersiva e orgánica que xoga en directo cun saxofón sintetizado.
(IN)VISUAL continuará o sábado 16 de maio, ás 20.30h, da man de Estela Oliva & Ana Quiroga; mentres que o colectivo de orixe vigués MIL111 clausurará o ciclo o sábado 23 de maio, tamén ás 20 horas.
O concerto de Marta Verde & José Venditti pendurou xa o cartel de entradas esgotadas, mentres que os últimos tíckets para as dous experiencias restantes están dispoñibles en Ataquilla: o acceso é gratuíto, cun depósito de 5 euros para a súa reserva, que serán reembolsados de xeito automático na entrada ao recinto.
Achegándonos ao concerto deste sábado, Prima Materia, de Marta Verde & José Venditti, é a orixe da transmutación, a materia bruta antes da iluminación dourada. Na tradición alquímica, representa a substancia primixenia da que todo pode xurdir: o estado previo á conversión do chumbo en ouro, do caos en orde, da sombra en luz. Este novo proxecto de José Venditti e Marta Verde propón un live audiovisual que se adentra na crueza do son e na fisicidade da imaxe desde unha aproximación esencial e matérico-sensorial. Resonancias sonoras e visuais entrelázanse en tempo real, creando unha experiencia inmersiva e orgánica.
Marta Verde e José Venditti son un dúo de artistas que leva desenvolvendo performances audiovisuais desde 2015. No seu traballo exploran os límites da melodía e o ruído, harmonía e tensión, repetición e aleatoriedade, nun exercicio de equilibrio entre composición e libre improvisación. Os seus proxectos artísticos foron presentados en espazos e eventos tan sinalados como: o Museo Nacional Reina Sofía, o Festival In Sonora, LA Contemporary Dance Company, Performa NYC, L.E.V, o Festival Mira, o Centro Cultural Conde Duque, o Espacio Fundación Telefónica, La Casa Encendida, o Círculo de Bellas Artes, Medialab Prado, etc.
Para rematar, informar que o público poderá acudir á Cidade das TIC (lugar onde se van levar a cabo os concertos) polos seus propios medios ou facer uso do servizo de autobús que a organización do ciclo porá á súa disposición. Neste último caso, a recollida realizarase cada sábado na rúa Juan Flórez, nº 10, contra ás 19 horas. A apertura de portas está fixada ás 19.30 horas. Unha vez no recinto, antes do comezo do show, terá lugar una breve contextualización na Cidade das TIC. De 20 a 21.15 horas, desenvolverase a experiencia, en formato show & talk, cunha charla cos e coas artistas implicados e implicadas unha vez rematado o concerto. Ás 21.30 horas, o público que faga uso de autobús estará de volta en Juan Flórez, nº 10.