A Comisión aplica finalmente as novas rebaixas nas tarifas de itinerancia

martes, 1 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Era un segredo a voces, e nos últimos tempos unha realidade asumida e da que boa parte dos usuarios de telefonía queixábase repetidamente e rexeitaba ben clariño: en cuestións de comunicacións e conexións internacionais, estabamos a pagar moito máis do que sería proporcionado pagar. Porén, as cousas semellan que por fin se van amañando (tal e como anunciamos os días pasados dende Código Cero) e onte mesmo soubemos que o prezo de empregar Rede no móbil noutro Estado membro da Unión Europea baixará nun 55%, pasando dos 45 céntimos por mebabyte actuais a un máximo de 20 céntimos, IVE non incluído. Así se fixa no novo regulamento comunitario que atinxe as tarifas máximas de itinerancia (roaming) e pon orde nas mesmas.
Respecto ás comunicacións móbiles dende fóra do Estado, a partir de xa caen os prezos nun 21%, o que nos sitúa nos 19 céntimos por minuto. Asemade, o custe por recibir chamadas rebáixase nun 28,5%, emprazándose nos 5 céntimos por minuto. As mensaxes de texto tamén custarán un 25% menos (6 céntimos de máximo). Estes e outros datos foron achegados pola Comisión Europea e, máis polo miúdo, pola responsable da súa Axenda Dixital, Neelie Kroes. Tamén fixo saber que a Eurocámara aprobou a prohibición da recarga por itinerancia a partir do 15 de decembro de 2015. Como era de agardar, o novo regulamento nos prezos esnáfrase de fronte cos intereses das grandes compañías de telecomunicación que operan no ámbito da UE, empresas que sinalan que a supresión da itinerancia baixará os seus ingresos e repercutirá negativamente nos investimentos precisos para o despregamento de novas redes de fibra óptica.