A Comunidade Valenciana substituirá o DOGV impreso por unha edición dixital

xoves, 21 de decembro do 2006 Raquel Noya

Mentres a Xunta de Galicia inviste preto de 2 millóns de euros anuais na impresión do Diario Oficial, a Generalitat Valenciana deixará de editar en papel o seu DOGV para facelo exclusivamente electrónico e, deste xeito, aforrar un mínimo de 3 millóns de euros e (o máis importante) ata 960 toneladas de papel en cada lexislatura. Mais así están as cousas: a Consellería de Presidencia vén de confirmarlle ó xornal Vieiros que non está prevista a desaparición do DOG en papel, pero que se fará un recorte na tiraxe de exemplares a partir de xaneiro, pasando de imprimir 5.500 a 4.000 unidades, “o que suporá un aforro considerable”.
Semella que en Galicia aínda nos custa un pouco subirnos ó carro das novas tecnoloxías da información e mentres a Comunidade Valenciana ultima un plan para garantirlle o acceso á publicación en liña á tódolos seus cidadáns e o Goberno de Cataluña fai o propio para poder prescindir asemade da súa edición impresa a curto prazo, o único DOG dixital que poderemos consultar en Galicia será algún exemplar histórico, que se ofrecerá de balde para os internautas interesados en consultar os números atrasados.