A Rede de Innovación de Arteixo achegará formación e asesoramento tecnolóxico a unhas 80 empresas locais

xoves, 20 de febreiro do 2014 Redacción

A Rede de Innovación (RdI) de Arteixo, programa de apoio a PEME e emprendedores impulsado polo Concello local e Escola de Organización Industrial (EOI), foi presentada esta maña na localidade galega. Na cita cos potenciais interesados en adherirse a esta iniciativa do concello coruñés, lembróuselles que a RdI vai achegar entre outras cousas ferramentas de balde para dinamizar o tecido empresarial e situar ao municipio “como referente socioeconómico e industrial”. Informóuselles tamén que dende este mes ata xaneiro de 2015 impartiranse 50 obradoiros de prospectiva e innovación. En total, arredor de 80 empresas poderán participar en consultorías personalizadas. O resultado final será a execución dun plan de reconversión para o aproveitamento das fortalezas de cada negocio.
A cita foi no Centro Arteixo Innovación. A presentación da RdI, un proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Ministerio de Industria, estivo presidida por Manuel Padín, concelleiro de Promoción Económica; e Javier Benito, director da área de Desenvolvemento de PEME da EOI. O alcalde, Carlos Calvelo, foi o encargado do pechar o acto.
Como dixemos, o obxectivo desta iniciativa é identificar posibilidades de mellora para promover a innovación tecnolóxica e sustentable nas empresas do concello, “xerando novas oportunidades de negocio”. As actividades formativas e de divulgación que se van pór en marcha serán de balde e desenvolverase de xeito interactivo, “buscando a excelencia e con arela de permanencia”. O obxectivo é que ao rematar as accións sexa o propio sector industrial e empresarial local o que demande este tipo de servizos.
A elección de Arteixo débese, informaron, “a que a día de hoxe é o concello da provincia con meirande volume empresarial”. De feito, engadiuse, “moitas das compañías asentadas no territorio xa salienta por contar cun elevado nivel de innovación e creación de produtos excelentes”. Lembrar que na provincia da Coruña, EOI mantén aberto un proxecto de características semellantes denominado Factoría de Innovación. “O concello”, díxose no acto “ten capacidade para liderar a competitividade no sector de pequenas e medianas empresas”.
Amais de cursos, a actividade programa inclúe traballos de asesoramento individualizado. Nestes labores identificaranse necesidades tecnolóxicas e de innovación en áreas crave e estableceranse propostas de mellora e aproveitamento das fortalezas para cada proxecto. A sede física da RdI está situada, e en funcionamento, no Centro Arteixo Innovación. Dende a web da Rede de Innovación poderanse realizar trámites en liña como a inscrición na Rede ou nos obradoiros. O proxecto tamén está presente en redes sociais Facebook, Twitter e LinkedIn.