A USC premia a innovación tecnolóxica no ámbito educativo galego

mércores, 27 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A Facultade de Ciencias da Educación de Santiago, en colaboración coa Xunta, quere recoñecer o máis salientable que se está a xerar no noso ámbito formativo en materia de procura, precisamente, de novos métodos e recursos formativos. Este é o gran obxectivo da terceira edición dos Premios María Barbeito de Educación en Galicia, un certame xa aberto (ata o 30 de xuño) para a presentación de propostas e que se dirixe, en palabras da Universidade de Santiago, “a recoñecer publicamente aquelas iniciativas, centros e investigacións que polo seu valor e interese contribúan ao desenvolvemento educativo de Galicia”. A idea, polo tanto, é darlle azos a todas aquelas cousas que contribúan á nosa innovación educativa, dándose a casualidade de que unha boa parte desas “cousas” se apoian total ou parcialmente no emprego das novas tecnoloxías da información.
O premio contempla dúas convocatorias, unha dedicada a salientar a Investigación Pedagóxica e o outra orientada á Innovación e á Experiencia Pedagóxica. No primeiro caso recoñecerase aqueles informes orixinais referidos ao coñecemento da educación en Galicia. Fíxase para esta modalidade un único premio dotado con 1.500 euros. Polo que atinxe ao Premio á Innovación e á Experiencia, dicir que se dirixe a salientar aqueles traballos postos en marcha nun centro educativo do eido non universitario galego e que “se consideren de máxima calidade global de actuación”. As iniciativas, explica polo miúdo a USC, terán que tratar sobre a incorporación das novas ferramentas dixitais ao eido educativo, sobre integración e tratamento da diversidade ou sobre normalización lingüística no ámbito escolar, entre outros temas. Neste modalidade contémplanse dous galardóns, un primeiro dotado con 1.000 euros e un segundo premio con 500 euros.