A Universidade de Vigo ponse firme contra a escaseza crecente de mozas enxeñeiras

luns, 7 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Co gallo de atopar respostas para unha problemática que vai a máis (a progresiva desaparición das carreiras tecnolóxicas entre as principais eleccións formativas das nosas mozas), a Universidade de Vigo organizou hoxe unha xornada-obradoiro que quixo ser un chamamento a alentar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC e das restantes enxeñararías como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. Entre outras cousas, a cita (celebrada na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo, en Bouzas) serviu para presentar o programa IREI (Inspirando ás Rapazas para Estudar Enxeñaría), un programa cuxo nome fala por si só dos seus cometidos: cómpre conseguir que as mozas acheguen ao seu talento ás TIC, doutro xeito o progreso tecnolóxico (e as súas vantaxes) ficará moi por debaixo das expectativas. Na xornada lembrouse que a presenza de alumnado feminino nos sete centros nos que se imparten titulacións de enxeñaría na UVigo é de só o 19,7%,
Contouse coa presenza de Teresa Pedrosa, delegada do Consorcio, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Dolores González, vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo e a comisionada do Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo
Precisamente, a vicerreitora foi a encargada de presentar a iniciativa, recordando que esta segue en boa medida o ronsel de Inspira STEAM, da Universidade de Deusto. As liñas estratéxicas de Inspira STEAM foron dadas a coñecer por Oihane Zarate, quen tamén afondou en metodoloxías de asesoramento para reverter as devanditas fendas de xénero nas carreiras tecnolóxicas. Segundo fixo saber a vicerreitora, “se no curso 2004/2005, as mulleres matriculadas en Galicia en carreiras de enxeñarías ou relacionadas coa arquitectura supuñan un 36,4% do total, en 2015/2016 non se chegaba nin a un cuarto do total, cun 24,5%. A evolución amosa unha caída lenta aínda que constante”, explicou.
Pola súa banda, Carmela Silva denunciou que se “empuxe ás nenas desde que nacen para que non escollan carreiras tecnolóxicas” ao tempo que incidiu na necesidade de dar visibilidade aos logros das mulleres neste ámbito e animou a “cambiar o presente para que as mulleres cheguen a todo o coñecemento”.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, felicitou á Universidade de Vigo pola posta en marcha desta iniciativa e laiouse de que a presenza de mulleres en carreiras “con futuro inmediato de éxito non supere o 20%”.
Pola súa parte, a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, alertou da necesidade de “incrementar a formación e incorporación de mulleres ás profesións relacionadas co ámbito dixital” e amosou a disposición do consorcio a “acadar as mentoras necesarias para poñer esta iniciativa en marcha” entre as 620 empresas e máis de 22.000 traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade arredor da Zona Franca.
A comisionada do Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo, asegurou que “temos un problema grave” e animou ás mulleres tecnólogas a facérense visibles perante as nenas de 9, 10 e 11 anos, “xa que é bonito axudar á que a sociedade funcione mellor e a resolver problemas”.
No acto de hoxe tamén participou o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, que afondou na situación particular da Universidade de Vigo en cuestión de fendas de xénero. Segundo lembrou, no curso 1991/1992 rexistraba un 23,6% de alumnas de novo ingreso nas carreiras de enxeñaría, mentres que no curso 2017/2018 esta cifra baixara a un 19,7%. En canto ao número de graduadas en enxeñarías nos catro últimos cursos, Cuiñas situouno nun 22,9% do total de 992 persoas tituladas, asegurando que “non parece que as rapazas teñan peores resultados cós rapaces. En realidade, as porcentaxes son semellantes e máis, cantos máis anos se analizan”, asegurou.