A Xunta aproba por videoconferencia un acordo para impulsar o expediente xudicial electrónico

venres, 30 de marzo do 2012 Raquel Noya

Esta mañá tivo lugar a sinatura dun convenio de colaboración entre diversos organismos públicos que marcará un fito importante na historia do noso país, non só polo contido do convenio en si, que tamén, senón porque foi asinado de xeito virtual, fixando un exemplo a seguir como medida aforro de tempo e cartos na Administración pública.
Falamos dun acordo de colaboración que ten como obxectivo optimizar o intercambio de información a través das novas tecnoloxías e impulsar o expediente xudicial electrónico, que foi asinado entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o Consello Xeral do Poder Xudicial, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, de quen se nomeou directora recentemente a Mar Pereira.
O obxectivo final do acordo é poñer a disposición das oficinas xudiciais galegas o acceso á plataforma de interoperabilidade do CXPX, denominada Punto Neutro Xudicial, así como toda a información e servizos que se prestan a través do mesmo, mellorando desa maneira a eficiencia dos servizos públicos de atención á cidadanía e o propio funcionamento interno da Administración da Xustiza.
Esta plataforma tecnolóxica, que foi posta en marcha en 2002, ofrece actualmente 34 servizos e consultas en liña ás oficinas da Administración de Xustiza, e prevé acadar este ano os 15 millóns de visitas.
O titular de Presidencia, Alfonso Rueda, destacou que o acceso á plataforma do Consello Xeral do Poder Xudicial por parte das oficinas xudiciais galegas “garantirá un nexo dende o que poderán chegar a toda a información e servizos que se atopan nesta rede e conseguir que os distintos sistemas informáticos poidan interoperar adecuadamente”.
Nese sentido, Rueda destacou que un dos obxectivos no ámbito da Administración de Xustiza debe ser “camiñar cara a interconexión de todas a sedes xudiciais do Estado” e fixo fincapé no “importante esforzo” que está a facer a Xunta na liña da modernización da Administración de Xustiza, coa posta en marcha do Plan Senda.
Como exemplo deste esforzo citou a implantación de 22 novos sistemas de videoconferencia nas sedes xudiciais, un dos cales (o situado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) permitiu hoxe a realización en liña do acto.