A Xunta moderniza as ferramentas tecnolóxicas do Imelga

venres, 18 de novembro do 2011 Raquel Noya

No marco do Plan Senda para a integración das TIC no eido Xudicial, a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha un conxunto de medidas para informatizar o labor dos profesionais do Imelga, o Instituto de Medicina Legal de Galicia, que leva cinco anos funcionando no noso país.
O abano de medidas tecnolóxicas a adoptar comprende, entre outras accións, a implantación do sistema informático Simelga, a posta en marcha dun servizo recordatorio de citas forenses a través de sms, a pilotaxe dun maletín con equipamento tecnolóxico para as gardas forenses e a dotación de novos equipos ofimáticos e de videoconferencia, para que os profesionais do Imelga poidan desenvolver o seu traballo de xeito máis eficaz e eficiente.
Máis polo miúdo, o novo equipamento que achega o Goberno galego a este organismo consiste na renovación dos ordenadores que teñen unha antigüidade de máis de cinco anos, así como a dotación de 4 equipamentos de videoconferencia de sala e sistemas de videoconferencia persoal para 80 profesionais.
No tocante á implantación do sistema informático Simelga, cabe dicir que se trata dunha evolución do sistema Asklepius do Ministerio de Xustiza, que foi adaptado ás necesidades específicas dos profesionais da nosa Comunidade.
A implantación de Simelga complementarase cun novo sistema de envío de recordatorios de citas forenses mediante mensaxería móbil, unha medida que permitirá axilizar o mecanismo de comunicación co cidadán, reducir o custe que supón actualmente este recordatorio e diminuír a cancelación de citas por non presentación.
Por último, e apra facilitar o traballo en mobilidade dos médicos forenses durante as gardas, a Secretaría Xeral de Modernización vén de iniciar a pilotaxe dun maletín con dotación tecnolóxica específica dos forenses de garda, como unha cámara fotográfica para documentar os distintos procedementos, un portátil para rexistrar in situ a información recadada e unha impresora para as etiquetas que identifican as mostras recollidas.
Todas estas actuacións suman un investimento de preto de 190.000 euros.