A blogueira Carmen Castro, protagonista do novo Ciberfaladoiro Feminista da Deputación de Lugo

xoves, 3 de decembro do 2020 Fernando Sarasketa

O ciclo de Ciberfaladoiros Feministas que organizan a Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo continúa este venres 4 de decembro cunha charla online da economista e activista en igualdade Carmen Castro, que abordará as estratexias feministas para repensar a economía. Poderá seguirse a través da canle de YouTube de Nomenklaturas Gestión Cultural, ás 19.30 horas, e está aberta á participación do público a través de Whatsapp no número de teléfono: 690 117 254.
Carmen Castro é especialista en políticas europeas de igualdade, estratexia de mainstreaming de xénero e empoderamento das mulleres na administración pública. Licenciada en Economía pola USC, como investigadora foise especializando na consultaría e asesoramento de políticas públicas de xénero. É autora de varias publicacións e guías prácticas, e promotora de Sin Género de Dudas, a primeira bitácora dixital feminista con perspectiva de xénero de lingua hispana.
Programación Ciberfaladoiros
O ciclo de Ciberfaladoiros Feministas rematará o venres 11 de decembro coa charla de Sonia Ramos. No marco deste ciclo de coloquios, a periodista Mabel Lozano presentou por primeira vez en Galicia, a semana pasada, o seu novo libro PornoXplotación de denuncia da trata humana.
A Deputación de Lugo, xunto co Foro Feminista Maruxa Mallo, impulsa esta iniciativa co obxectivo de “conectar a loita polos dereitos das mulleres coa veciñanza da provincia de Lugo, propoñendo alternativas para erradicar situacións derivadas da estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas”. A institución provincial colabora cunha achega de máis de 13.000 euros e tamén coa difusión a través de redes sociais e dos Servizos Audiovisuais provinciais destes coloquios.