A festa infantil de JEALSA encheu Boiro de xogos e divulgación tecnolóxica
venres, 4 de outubro do 2019

- Un intre dos obradoiros celebrados en Boiro/ Fotos: JEALSA
Boiro
foi este sábado un fervedoiro de celebracións, divulgación
científico-tecnolóxica e impulso de talentos novos. E
foino da man de JEALSA, que organizou a segunda edición da súa
festa infantil para a rapazada en Barraña e máis na Cachada. O
obxectivo da xuntanza foi celebrar a chegada do outono contribuíndo
a facer o “o máis levadía posible a transición do verán cara ao
inicio de tempada escolar”. Na segunda edición da Festa #Peixes
participaron ducias de nenas e nenos, fillas e fillos da comunidade
de traballadoras/es da firma conserveira na comarca do Barbanza.
Desta
volta, foron dous os escenarios onde tivo lugar a celebración. Por
unha banda, o pavillón de Barraña, que acolleu aos máis pequenos
con música, obradoiros infantís e inchables. Alí, informa JEALSA,
“pequenos e maiores gozaron durante toda a mañá dun ambiente de
festa e xogos”.
A
gran novidade deste ano foi a cita de divulgación que organizou a
empresa na Casa da Cultura do parque da Cachada, onde se
desenvolveron dous talleres para os máis maiores (de 8 a 12 anos)
baseados nunha aprendizaxe innovadora co fin de potenciar a
creatividade dos nenos e nenas en eidos como a ciencia, a tecnoloxía
ou o deseño (o que se coñece como materias STEM, que son as siglas
en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
Por
temas, abordáronse de cheo cuestións como o deseño e a Impresión
3 D, mostrando ante a rapazada o funcionamento de diversos aparellos
e tecnolóxicas e permitindo aos nenos faceren as súas propias
creacións. Outro dos recantos temáticos foi o da biotecnoloxía,
onde as e os participantes fabricaron os seus propios microscopios
(que ao finalizar carrexaron ás súas casas), e observaron
diferentes microorganismos que se atopan ao noso ao redor.
