A tropa de trapo segue a colleitar éxitos nas salas de cine 3D

mércores, 10 de novembro do 2010 Raquel Noya

Despois do bo resultado obtido nas taquillas ao longo da semana pasada, A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol, a primeira película de animación en 3D estereoscópito feita en España, continúa a súa andaina nas salas de cine, mantendo na súa segunda semana as 91 copias coas que se estreou o pasado 29 de outubro. Deste xeito, aquí no noso país, mantén as 10 copias coas que estreou, cinco en 3D en galego e outras cinco en 35mm en castelán.
A película, na que colabora a Televisión de Galicia, xa recadou 110.000 euros na súa primeira fin de semana e dende Continental e Abano Producións agardan poder repetir este bo resultado en taquilla na vindeira fin de semana. Desta maneira, esta longametraxe de animación dirixida por Alex Colls, podería chegar a ser, segundo afirman, “unha das películas galegas con maior recadación, sobre todo tendo en conta que vai dirixida a un público meramente infantil (de tres a sete anos) e prográmase só nas primeiras sesións dos cines”.
A historia, protagonizada por un grupo de entrañables mascotas, está distribuída por Alta Classics e está baseada en The Happets, unha serie de 52 capítulos de 7 minutos que xa fora emitida pola TVG.
Nela, Mumu, Milo, Rita, Talalo, Alfred e Olga son A tropa de trapo, unha orixinal pandilla de mascotas confecionadas con telas de diferentes estampados.
O grupo sente envexa da “pulcritude dun rabaño de ovellas” que, en realidade, forman parte dun espectáculo ao que Mumu pretenderá unirse por tódolos medios.