AMTEGA convoca o Premio ao mellor proxecto fin de carreira con software libre
xoves, 12 de xullo do 2012
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, vai ser a
encargada de organizar e convocar o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira
con Software Libre, un evento que foi creado por primeira vez hai cinco anos
pola empresa galega Igalia, e que este ano queda nas mans da entidade pública.
A iniciativa, que se enmarca no Plan de Sofware Libre 2012 da Xunta, lévase
a cabo para incentivar o uso de fontes abertas no eido educativo superior do
noso país, logo de detectar, segundo afirman os seus responsables, “unha importante carencia de profesionais
especializados nesta área”.
A AMTEGA, que releva á entidade privada nesta V edición do premio, buscar
darlle un novo pulo á convocatoria, integrando nela aos distintos axentes do
ecosistema do software libre galego, segundo afirman, “seguindo a mesma estratexia global e integradora transversal a todas as
actuacións do seu Plan de Software Libre”.
Deste xeito, ademais de contar co patrocinio de Igalia e da Asociación
Cultural Proxecto Trasno, contará coa participación e colaboración das tres
universidades galegas, de AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de
Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.
Este ano a contía total dispoñible ascende a 2.300 euros, a repartir en
tres categorías: primeiro premio, accésit e mención especial, que concederá a
Asociación Cultural Trasno á promoción da lingua galega nas Tic ao proxecto en software libre no que
se traduza, localice, internacionalice ou se difunda a lingua galega.
As persoas interesadas en participar poden consultar a información
dispoñible polo miúdo na páxina oficial do evento (a través de Mancomún), ou poñerse en
contacto coa oficina
de coordinación FLOSS da Xunta de Galicia.
Poderá optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego
que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, cunha nota mínima de 5.0,
nalgunha das convocatorias dos anos académicos 2010-2011 e 2011-2012.
O prazo de presentación de candidaturas xa está aberto, e remata o vindeiro
31 de outubro.
