American Airlines demanda a Google

martes, 21 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Google semella contar os días por demandas, e algunha delas ben surrealistas. Se hai uns días puidemos ver como unha empresa chinesa lle esixía retificar o nome, agora é a quenda de American Airlines, compañía que (di) xa está farta de que o buscador faga caixa coas procuras que os internautas levan a cabo no dito servizo. Esta práctica, que vén de rematar en demanda por parte da empresa aérea, é a máis recente dunha listaxe de reclamacións tan longa coma un discurso de Fidel Castro, reclamacións que na maior parte dos casos teñen que ver co sistema publicitario de pago por clic de Google, que é (a fin de contas) a súa principal máquina de facer cartos.
A demanda que American Airlines presentou a semana pasada no Tribunal de Estados Unidos para o Distrito do Norte de Texas baséase en denunciar a violación das leis de marca rexistrada por parte do buscador, quen polo visto vende termos de busca como “American Airlines” ou semellantes a outras empresas para publicidade.