Artesanía de Galicia reforza a súa web

venres, 6 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A marca Artesanía de Galicia, que conta dende o 2007 cun espazo propio na Rede, vén de actualizar a súa web, incorporando novos servizos e ligazóns coas que intentar darlle pulo á divulgación dos artesáns galegos e ás súas pezas, únicas en todo o mundo.
O obxectivo da Consellaría de Innovación e Industria, o organismo que xestiona este espazo, é ofrecerlle aos profesionais da artesanía un “servizo integral” que, ademais de dar información relacionada co sector, actúe como unha ferramenta de promoción do seu traballo a través da Rede.
Asemade, Artesaniadegalicia.org é agora un escaparate virtual que lle permite aos artesáns galegos mostrarlle os seus produtos a toda a sociedade e comercializalos tanto na terra como no exterior.
A través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, a Consellaría pon á disposición de todos os artesáns e obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía a posibilidade de crear e de xestionar o seu propio espazo web (inserido na propia web institucional da marca) no que poderán dar a coñecer, entre outras cousas, o seu xeito de traballar, a súa experiencia, a peculiaridade dos seus produtos, os seus datos de contacto e toda a información relativa aos lugares no que se distribúen os artigos.
Os responsables desta ferramenta en liña veñen de anunciar que todas aquelas persoas interesadas en obter este servizo, “deberán solicitar unha clave de usuario” a través da propia web para, deste xeito, beneficiarse das novas tecnoloxías postas a disposición da nosa cultura.
Unha das novidades máis destacables da nova páxina é a creación dun apartado dedicado á divulgación das técnicas empregadas polos propios artesáns no que se inclúen vídeos que amosan o seu traballo; unha ferramenta que, dende a Consellaría, entenden “como fundamental para conservar e dar a coñecer tanto as técnicas máis tradicionais ata os oficios artesanais máis recentes ou innovadores”.
O novo sitio, asemade, actuará como un punto de referencia para o sector artesán galego xa que lle ofrecerá un servizo integral para profesionais e interesados na artesanía. Na páxina hai espazo para a actualidade, as reportaxes, a información sobre trámites e lexislación, sobre cursos de formación, eventos e feiras de artesanía, liñas de apoio ao sector e actuacións da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Nesta nova versión da páxina tamén haberá un espazo dedicado ás zonas de artesanía, onde se ofrecerán diferentes propostas para combinar o contacto cos propios centros de produción da artesanía con calquera outra opción turística ou de lecer relacionada coa paisaxe, co patrimonio histórico, coa cultura en xeral ou coa gastronomía.