As asociacións de Vimianzo contan xa con un sitio web

venres, 2 de marzo do 2007 Raquel Noya

O Centro de Asociacións de Vimianzo, situado na antiga escola de Cambeda, vai por en marcha a nova páxina web www.asociacións-vimianzo.org, encamiñada a estreitar os fíos entre os diversos colectivos do concello e a presentalos ó mundo. O servizo en liña, que está financiado pola Consellería de Innovación, aglutina un total de 25 asociacións, que manifestaron os meses pasado o seu interese por formar parte deste proxecto, aínda que o prazo de adhesión segue aberto para que calquera entidade poida adherirse ó programa no futuro. Por certo que a web poderase ver á tardiña do venres 2, logo de que sexa presentada oficialmente.
O devandito portal está estruturado sobre unha base de software libre e co galego como lingua vehicular. Para a súa xestión, o centro conta co apoio das asociacións, que designarán un xestor encargado da actualización do seu espazo informativo, mentres que, por outra banda, existe unha coordinadora municipal con acceso a tódolos contidos dinámicos da web. O acceso ó sitio web será de carácter privado e mediante a asignación dunhas claves únicas ós encargados de cada misión.
O proxecto contempla ademais un apartado de formación en novas tecnoloxías, que se executa en colaboración cos ditos colectivos de veciños, tendo esta formación unha parte presencial e outra on line, que xa están en execución.
Entre outras, o portal do Centro de Asociacións conta con distintas seccións como: un foro, biblioteca, actividades, asociacións, formación, medio ambiente... Así como ligazóns a outros sitios de interese e conectividade a varios servizos públicos.
As asociación interesadas en obter un espazo neste portal, que conta cun orzamento de preto de 49.000 euros, deberán dirixirse ó Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local de Vimianzo e falar con Lorena Cernadas ou ben a través do teléfono 981 716 001.