ata 700 investigadores participarán no congreso Ibercom avaliando o potencial da nova comunicación para cambiar o mundo

xoves, 23 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Xa se albisca, e cada vez máis preto, o congreso Ibercom 2013, un evento que se ben non se centra de xeito exclusivo na natureza das novas tecnoloxías da información e nas redes sociais, si que avalía o impacto mundial dalgunha das súas principais consecuencias, como por exemplo o acontecido nos últimos anos nos países do Norte de África e Oriente Próximo, procesos de apertura democrática esixidos e fortalecidos, en boa maneira, a través das ferramentas e servizos dixitais máis populares. Falamos do que se coñece como Primavera Árabe. O congreso, que se vai celebrar na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago entre o día 29 e o 31 de maio, centrarase polo tanto en avaliar “a importancia dos medios para a democracia e os cambios sociais”. Segundo avanza a organización, a cita reunirá a máis de 700 investigadores do eido internacional.
O evento está promovido pola Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM) e organizado por unha comisión que, baixo a presidencia da catedrática Margarita Ledo, integra a profesores das tres universidades galegas. A inauguración oficial virá da man do presidente da Federação Brasileira das Associações Científicas e Acadêmicas de Comunicação, José Marques de Melo, e participarán nela os reitores das tres universidades galegas, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
Segundo engade AGACOM, unha conferencia da colombiana Clemencia Rodríguez, profesora da Universidad de Oklahoma (USA), abrirá a actividade académica analizando a importancia dos medios de comunicación nos movementos e cambios sociais como a recente Privamera Árabe. Clemencia Rodríguez, engade a asociación, está especializada na análise de comunicación alternativa, comunitaria e cidadá na que traballa dende hai máis de tres décadas.
Logo, será a quenda de tres sesións plenarias para analizar os riscos e potencialidades da comunicación na era de Internet. A primeira, coordinada polo catedrático da Universidade Complutense Enrique Bustamante, xirará arredor da comunicación, o servizo público e as esferas de poder. Nos debates intervirán Vera França, da Universidade Federal de Minas Gerais; Paquete de Oliverira, do ISTCTE de Portugal; e Raúl Trejo, da UNAM de México. A segunda sesión, coordinada polo catedrático da Universidade do Minho Moisés de Lemos Martins, tratará a comunicación, os procesos de cidadanía e esferas de poder. Na sesión está prevista a intervención de Miquel de Moragas, presidente da AE-IC; Guillermo Orozco, de México, e Muniz Sodré, de Brasil. A terceira sesión, sobre a produción cultural en versión orixinal no cinema, xornalismo e televisión, estará coordinada por María Immacolata Vassallo, e contará con Marcos Palacios, Carlos Scolari, Patxi Azpillaga e Antía López.
No eido local, un panel analizará o venres o galego e os medios de comunicación no que participarán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, a exdirectora do ILGA, Rosario Álvarez, e o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro. A conferencia de clausura, que se celebrará o vindeiro venres, está concibida como unha homenaxe ao cineasta e coordinador do Observatorio do Cinema e do Audiovisual Latinoamericano-FNCL, Octavio Getino, e consistirá nunha conferencia do profesor da Universidade Nacional de La Plata, en Arxentina, Roque González, sobre Políticas públicas e cines nacionais. Nesta homenaxe tamén intervirá Alfonso Gumucio-Dragon, asesor da UNESCO, investigador e fotógrafo, quen proxectará a derradeira entrevista con Octavio Getino.
De xeito paralelo, defenderanse as comunicacións en diferentes mesas temáticas con sesións que comezarán ás catro da tarde do xoves nas aulas da Facultade de Ciencias da Comunicación e estarán distribuídas nas seguintes temáticas: Políticas culturais, tecnoloxías e esferas do poder; Estrutura e soportes de comunicación: produción, consumo e recepción; comunicación estratéxica, organizacional e publicitaria; teoría e métodos de investigación; Educomunicación; os discursos da comunicación: migración, xénero, movemento cidadá, folkcomunicación; Estudos cinematográficos e audiovisuais; historia da comunicación e dos media.