AtlantTIC sitúase entre os centros máis relevantes do mundo en materia de telecomunicacións
xoves, 28 de novembro do 2019

- Carlos Mosquera, director do centro da Universidade de Vigo
O
Centro
AtlantTIC da Universidade de Vigo (Centro de Investigación en
Tecnoloxías de Telecomunicación) vén de facer un balance da súa
actividade en materia de transferencia tecnolóxica, captación
de recursos, capacidade investigadora, equipo humano e
desenvolvemento de proxectos. Os datos, achegados por Carlos
Mosquera, director do centro, guindan tamén unha serie de claves
sobre o presente do centro, o seu papel actual no panorama da
investigación internacional: este ano, por vez primeira, situouse
entre as 200 mellores institucións do mundo ámbito das
telecomunicacións.
Amais,
preto de 170 persoas, das que 40 son mulleres, desenvolven a súa
actividade en AtlantTIC, que vén de acadar, por segundo ano
consecutivo, un proxecto europeo sobre fotónica integrada para a
formación de doutoras e doutores neste ámbito, “algo que no
programa H2020 ocorre moi raramente”, aclara Mosquera.
No
período 2016-2019 o Centro de Investigación en Tecnoloxías de
Telecomunicación acadou preto de 20 millóns de euros de
financiamento e outorgáronselle unha decena de patentes. Amais,
nestes catro anos fóronlle concedidos 50 proxectos competitivos de
I+D+i, dos que neste intre hai 33 activos. “No caso concreto do
H2020, comezáronse seis proxectos e hai cinco activos na
actualidade”, detalla Carlos Mosquera, que sinala que os ingresos
procedentes destes proxectos incrementáronse un 14% , fronte ao 5%
do ano anterior.
Por
outra banda, xeráronse un total de 349 artigos publicados nos
últimos catro anos en revistas polas investigadoras e investigadores
do centro, “cun impacto medido polo ránking de Shanghai en
2019 que nos sitúa de cuartos en España e Portugal”, engade o
director, lembrando que segundo a Área de Servizos Bibliométricos
da UVigo, tres dos seis artigos de maior impacto da institución na
última década corresponden ao centro: un de Ramón Hermida do
ámbito da saúde; outro de Rebeca Díaz e Ana Fernández sobre xogos
na aprendizaxe e outro de Nuria González sobre 5G.
No
período 2016-2019 un total de catro spin-offs naceron ao seu
abeiro. En 2016 creábase da man de José Luis Alba Castro relEYEble
centrada na tecnoloxía de análise facial para os sectores de
publicidade, retail e seguridade. O ano seguinte vía a luz
CAT&D de Ramón Hermida, que se ocupa do desenvolvemento de
sistemas para a cuantificación individualizada de risco e
identificación precoz de complicacións vasculares, renais e
metabólicas. E xa este ano, púñanse en marcha Alén Space da man
de Fernando Aguado, adicada a desenvolver solucións completas de
pequenos satélites, á que cómpre engadir Ancora, promovida por
Felipe Gil, para o desenvolvemento de ferramentas para o uso do
teléfono móbil en contornas profesionais.
Respecto
do futuro, o director destaca entre outras cousas o laboratorio de
5G, que servirá para potenciar e reforzar a capacidade de traballo
nas tecnoloxías amparadas baixo esta etiqueta e, como detalla
Mosquera, “está concibido como un laboratorio de investigación,
que ao mesmo tempo pode dar soporte as colaboracións co tecido
produtivo, como poden ser operadores de telefonía móbil ou xestores
de infraestruturas de telecomunicación”. O orzamento total do
laboratorio é de 843.852€.
