Carballo anuncia nova edición do Interplay e abre prazo para participar no FormaCIP
mércores, 17 de febreiro do 2016
Xa temos data para a terceira edición do Festival
de Contidos Dixitais Carballo Interplay, un evento senlleiro no
panorama galego de certames audiovisuais por ser o único que centra
esforzos en amosar o que argallan os creadores no ámbito das
webseries, e o primeiro do seu ámbito temático (series e
Rede, Rede e series) a
nivel estatal xunto co FEW-webfest de Madrid. O certame de
Carballo, que cada ano empraza á capital de Bergantiños en plena
vangarda das novas tendencias do audiovisual, celebrarase desta volta
os días 5, 6 e 7 de maio.
Segundo lembra o Concello de Carballo, impulsor da
iniciativa, o CIP acadou nas dúas pasadas edicións unha grande
repercusión a nivel nacional e internacional, “situando a Carballo
como unha referencia para o público e para os profesionais do sector
da creatividade dixital”. En parte pola calidade do material
amosado, en parte por ser o primeiro concello de todo o Estado que
contou, xunto co devandito de Madrid, cun festival de webseries
e de novos formatos narrativos.

- O Carballo Interplay na súa primeira edición nunha imaxe de Tamara de la Fuente
Agora, o Concello e a organización do evento están
a completar a oferta cun ciclo formativo que se desenvolve nos meses
previos, o FormaCIP, que
nesta edición amplía a súa oferta tamén á rapazada. O abano
temático desta iniciativa formativa é amplo e variado: novas
narrativas, mercadotecnia dixital, novas tecnoloxías da información,
produción e financiamento audiovisual, dirección de actores,
robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta
gráfica Codeco ou emoticonas analóxicas son algúns dos
coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas poderán
adquirir no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo
Interplay, FormaCIP, dende o vindeiro 12 de marzo ata a mesma fin de
semana do Festival. As persoas interesadas en inscribirse poden
facelo na web carballointerplay.com.
Os
obradoiros para adultos e estudantes
O Fórum de Carballo acollerá a completa oferta
educativa do FormaCIP, que comezará o sábado 12 de marzo co
obradoiro A web como canle para contar historias impartido por
Oscar Otero. Unha semana máis tarde, os días 19 e 20 de marzo, será
o produtor Felipe Lage quen imparta o obradoiro Produción e
financiamento. A fin de semana do 2 e o 3 de abril, María Yáñez
impartirá un curso titulado Marketing na rede e dende abaixo para
o teu produto audiovisual. Todos eles custarán 20 euros. A fin
de semana seguinte, Alfonso Zarauza ofrecerá un obradoiro de tres
días sobre Dirección de actores, que custará 30 euros. E do
26 de abril ao 1 de maio as persoas que o desexen poderán coñecer
de primeira man todo o proceso de Creación dunha webserie: Do
guión á distribución, da man de David Saínz e Teresa Segura,
cun custo de 100 euros.
Os obradoiros para nenas e nenos
Inclúese neste ámbito de actividades para os máis
pequenos dende o obradoiro de Robótica con Lego Mindstorms
que impartirán os Code Monsters e o de Micropaleta gráfica
Codeco dos Esferobite, para nenos e nenas de 7 anos ou máis; até
o de Robótica express: programación e electrónica con
Arduino, impartido tamén por Code Monsters, para rapaces de a partir
de 12 anos; pasando pola Creación de emoticonas analóxicas
de Paula Fraile, de 9 a 13 anos. Todos os obradoiros infantís do
FormaCIP serán gratuítos. As datas e os horarios, así como o
sistema de inscrición, publicaranse en datas vindeiras na web de
Carballo Interplay. Quen o desexe, pode solicitar información a
través do correo electrónico formacion@carballointerplay.com.
