Comeza a campaña de reparto de 300.000 lectores de DNIe

xoves, 1 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Dende Código Cero estamos a colaborar coa campaña iniciada por Red.es (organismo dependente do Ministerio de Industria) a través da empresa Tractis para achegar ao público dende hoxe e ata fin de existencias uns 300.000 lectores de DNI electrónico que serán entregados por só 2 euros en concepto de gastos de envío, que poderán pagar mediante tarxeta de crédito ou Paypal (método de pagamento que foi desactivado temporalmente por certos problemas detectados). Na campaña tamén participan coma patrocinadores Jazztel, Acens e Caixa Galicia.
Nuns días comezarán a remitirse os lectores USB por correo postal ordinario (o paquete é bastante reducido, de xeito que poderá introducirse nas caixas de correo habituais sen problema) e os modelos a distribuír serán 3 (Gemalto PC Twin, SCM SCR 3310 e Costar US777-A Slim) que aseguran que son multiplataforma, operando nos sistemas operativos Windows, Linux e Mac OS X.
Os interesados en solicitar un destes dispositivos de lectura de DNI electrónico só teñen que introducir os seus datos nun formulario web, ao que poden acceder a través do botóns publicitarios que incluímos na nosa páxina web e no noso boletín electrónico para dar a coñecer amplamente esta iniciativa.
Os dispositivos distribuídos facilitan o uso do DNIe no noso ordenador, de xeito que poderemos dicir adeus ao vello sistema de sinatura electrónica (que precisaba da descarga dun certificado dixital que había que validar en persoa) para identificarnos coa Administración empregando directamente o noso documento nacional de identidade, o que resulta especialmente práctico no caso de ordenadores compartidos (xa que os certificados electrónicos serían de quita e pon, mellorando a súa seguridade).
Polo momento este tipo de identificación é válido para realizar trámites ante a Axencia Tributaria e outras administracións, pero no futuro podería servir para o acceso a moitos outros servizos, entre os que poderían incluírse as entidades bancarias (que tamén aceptarían o DNIe nos seus caixeiros automáticos) e distintas plataformas de comercio electrónico.

Tractis anunciou que distribuirá os lectores Gemalto PC Twin, SCM SCR 3310 e Costar US777-A Slim