Confirmado: as SMS empeoran a nosa ortografía

xoves, 3 de xuño do 2010 Raquel Noya

Cantas veces non teremos lido, ou máis ben descifrado, mensaxes de texto ao móbil do tipo de, “nn speres m8, q tou en Stgo e tardo”, “qt m8,dnd stas?” ou “flicidads,disfrta m8 e q cmprs m8s +”… trátase de usuarios e usuarias de telefonía móbil que, a fin de non superar os 160 caracteres que permite cada mensaxe de texto en telefonía (ou de non perder nin un segundo das súas vidas escribindo como é debido), prescinden de letras e máis letras ata facer incomprensible ata o máis doado de entender. Isto se cadra podería ter arreglo se as compañías ampliaran o número de caracteres permitidos (aínda que non está demostrado xa que a vagancia pódelles a moitos usuarios) pero o que non tén remedio son as continuas faltas de ortografía que se cometen e que se acaban convertendo nun costume difícil de quitar. Segundo un estudo publicado pola consultora Prince&Cooke, “o 97 por cento das persoas usuarias de telefonía móbil envía e recibe mensaxes de texto a diario”, e o 27 por cento das mesmas, é dicir, 3 de cada 10, admiten alterar a súa ortografía cometendo erros que escandalizarían a calquera dos nosos mestres da escola. A porcentaxe increméntase ata o 38 por cento nos menores de 25 anos e baixa ata o 19 por cento nos maiores de 45; asemade, acentúase aínda máis se as persoas usuarias pertencen a clases sociais con menor acceso á educación. Por norma xeral, nas mensaxes de texto, as palabras acúrtanse e reemprázanse unhas letras por outras, por exemplo o q polo k, o c polo k…; o h xa se elimina por completo; e as preposicións soen subsituirse por signos matemáticos como x, en lugar de por, + en lugar de máis ou en lugar de menos. Por descontado, de todos é sabido que os acentos apenas se usan nos SMS e que a palabra que, xa pasou definitivamente a ser simplemente un q. En definitiva, e tal e como podemos comprobar, escribir mal e sen complexos e máis doado, hoxe en día, que estudar para escribir mellor, ou pararse uns minutos a escribir poñendo atención no que facemos.