Continúa aberto o prazo de inscrición do concurso de curtas co móbil
luns, 30 de xaneiro do 2012
Co obxectivo de potenciar a creatividade audiovisual dos e das estudantes galegas e darlle a coñecer o amplo abano de posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, a rede CeMIT da Xunta convocou, a finais do pasado ano, o I concurso de Curtas co móbil, que ata o vindeiro 29 de febreiro mantén aberto o prazo de inscrición.
Xa que logo, os mozos e mozas galegas que cursen a ESO ou o Bacharelato e estean interesados en participar coas súas curtas, aínda teñen un mes por diante para facelo, e poden informarse polo miúdo das bases do evento na páxina do mesmo en Facebook.
Neste I Concurso de curtas realizadas co móbil, os mozos da ESO e Bacharelato que teñan entre 14 e 20 anos, poderán participar de xeito individual ou colectivo, e mostrar nas súas pezas audiovisuais a súa creatividade e destreza cinematográfica.
Segundo informan dende a entidade organizadora, a temática das curtametraxes “deberá versar sobre aqueles valores e ideas relacionadas coas funcionalidades que ofrece a rede de aulas CeMIT como referente no acceso á formación en novas tecnoloxías e o seu impacto na vida cotiá”.
A partir do vindeiro 7 de marzo, a organización do concurso subirá á Rede os vídeos recibidos, os cales serán sometidos á votación dos internautas mediante o sistema “Gústame” de Facebook.
Os alumnos e centros educativos interesados en participar neste concurso poderán inscribirse na aula CeMIT máis próxima ou a través da web www.cemit.xunta.es.
Premios
A organización do concurso estableceu premiar con material tecnolóxico aos mellores centros de cada provincia galega, así como ao mellor centro de toda a Comunidade.
Desta maneira, o centro educativo gañador a nivel provincial será obsequiado cunha cámara dixital compacta así como cun lote de 5 iPod para os integrantes dos equipos.
Xa a nivel autonómico o primeiro premio para o equipo gañador consistirá nun Netbook; e nunha videocámara para o equipo que quede en segunda posición.
