Cultura e a ONCE porán en xogo recursos tecnolóxicos accesibles para gozar do Camiño
venres, 4 de xaneiro do 2019
A
Consellería
de Cultura e Turismo e a Fundación ONCE asinaron esta semana un
acordo para traballar conxuntamente a prol da accesibilidade no
Camiño de Santiago. A colaboración, segundo se fixo saber,
materializarase a través do proxecto Camiño de Santiago, o teu
compañeiro do Camiño, que ten
como principal obxectivo crear unha rede de itinerarios xacobeos
inclusivos e integradores, sen barreiras. Neste senso, botarase man
das novas tecnoloxías para acadalo.
Máis
en detalle, lanzarase unha solución para mellorar a
accesibilidade do percorrido para persoas invidentes ou con problemas
de visión, a partir da dixitalización precisa dos itinerarios
asociados a cada unha das etapas do Camiño, a xeración de contidos
dixitais accesibles ligados aos seus puntos de interese e a
integración de dita información cunha aplicación de guiado
sensorial e ceibe de barreiras comunicativas.
A
finalidade deste traballo é “que os usuarios dispoñan dunha
aplicación móbil que sexa quen de guialos utilizando a información
dixital dos percorridos, xerados con alta calidade e precisión, e
ofrecerlles unha audiodescrición dos puntos de interese liberada de
atrancos”. Con isto, búscase facilitarlles a experiencia tanto no
desprazamento en si mesmo como na interacción cos elementos da
contorna.
O
marco colaborativo entre Cultura e ONCe tamén inclúe unha versión
accesible da aplicación do Instituto Xeográfico Nacional do Camiño
de Santiago para facilitar a empregabilidade e acceso de todas as
persoas á información sobre certos recursos turísticos, así como
un xestor de contidos web que permita a xestión da información
turística proporcionada e a adición de novos recursos.
Este
acordo forma parte dun proxecto global da Fundación ONCE para o que
destina máis de 300.000 euros e no que a Xunta aporta 24.200 euros.
Así mesmo, enmárcase no Plan Director do Camiño de Santiago.
