Cyclos: software libre para a cooperación entre os veciños do rural galego
venres, 2 de marzo do 2007
A iniciativa de crear bancos de tempo no rural galego co fin de favorecer entre os veciños o intercambio de tarefas, precisaba un software feito á súa medida, tanto para facilitar a iniciativa en si mesma como para afianzar o emprego da Internet nas persoas que viven afastadas das grandes cidades. Así o fixeron saber estes días a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade (SGI), Ana Luísa Bouza e a directora de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Elena Veiguela. O programa en cuestión chámase Cyclos, é software libre e vai dirixido á xestión dos devanditos bancos do tempo.
Ó tratarse dunha ferramenta aberta, sinalaron as tres responsables da iniciativa, pódese afacer ás necesidades e ás singularidades de tódalas entidades xestoras, ficando dispoñible na Web para as institucións ou colectivos que desexen participar nos bancos de tempo para o rural.
Segundo apuntou Elena Veiguela, o software segue o ronsel doutras propostas previas e semellantes da Consellería de Innovación no eido da informática: propostas que teñen a súa raizame e o seu obxectivo último no traballo colectivo, sendo a web mancomun.org -o obradoiro en liña de ferramentas abertas- o principal punto de referencia.
O proxecto vaise poñer en marcha (co software incluído) en Allariz e máis en Foz e vai encamiñado a converterse nunha ferramenta para a mellora da calidade de vida das persoas do rural. Isto conséguese fomentando na medida do posible algo que xa se leva dando na nosa terra dende tempos inmemoriais: a colaboración entre veciños. O traballo ombro con ombro.
Segundo informa Innovación, un banco de tempo é un novo sistema de intercambio de servizos no que a unidade de cambio non son os cartos, senón algo máis intanxible pero en absoluto menos valioso: o tempo. Estariamos polo tanto ante un mercadiño de troco de servizos por tempo, que se pode empregar logo para facérmonos cun produto ou tarefa ofrecidos por outro usuario.
E continúa a Consellería: “Este sistema de economía social é iniciado e mantido por un colectivo, que é quen funciona coma se fose o banqueiro; é dicir, abre as contas, verificando a identidade da persoa para garantir a claridade e seguridade do sistema, xa que é un sistema de confianza mutua; verifica que todo o sistema estea en marcha e serve de mediador en conflitos entre usuarios”.
