Deportistas galegos participan nun vídeo en liña contra a represión do goberno chinés
xoves, 3 de abril do 2008
Segundo vén de publicar Xornalgalicia.com, Amnistía Internacional, logo de pedirlle ás autoridades chinesas que poñan fin de inmediato “ás medidas represivas contra os defensores e defensoras dos dereitos humanos en Pequín e noutras partes de China”, editou un vídeo no que destacados deportistas galegos explican, a modo de denuncia social, a situación actual dos dereitos humanos no país asiático.
O ciclista Óscar Pereiro, o ex ciclista Álvaro Pino e o xogador do Real Club Celta de Vigo, Roberto Lago, son algunhas das facianas que podemos ver dende onte, mércores 2 de abril, no vídeo que elaborou Amnistía de Vigo (dispoñible en galego e castelán) para “favorecer o establecemento dunha sociedade pacífica e comprometida co mantemento da dignidade humana”, e que actualmente se pode ver tanto na web do organismo como no popular sitio de vídeos en Internet, YouTube.
|
|
Nas imaxes, os devanditos deportistas len frases alusivas ao Olimpismo como creador dun estilo de vida baseado no respecto polos principios éticos universais, ao obxectivo de crear un mundo mellor e máis pacífico, ao desenvolvemento e respecto dos dereitos humanos... e asemade revelan datos arrepiantes sobre a situación actual dos dereitos dos cidadáns en China. O vídeo remata coa frase: “Cos dereitos humanos non se xoga. E ti, a que xogas?”.
Nós dende aquí apoiamos a iniciativa de AI e denunciamos publicamente o noso descontento con calquera tipo de actuacións que vulneren os dereitos fundamentais dos homes e das mulleres de calquera recuncho do planeta.
