Dúas alumnas de Rois compiten no YouTube Space Lab representando a Europa, Oriente Medio e África
xoves, 23 de febreiro do 2012
Hai cousa
dun mes, en Código Cero anunciamos con gran ledicia e admiración que dúas
alumnas galegas do C.P.I Dos Dices de Rois saían
finalistas do YouTube Space Lab, un concurso que retaba aos estudantes
de entre 14 e 18 anos de todo o mundo a deseñar un experimento que se puidera
realizar no espazo.
Pois ben, Laura Calvo e María Vilas,
as aplicadas alumnas galegas que a ben seguro serán o olliño dereito dos seus mestres
de ciencias, saíron vencedoras da zona de Europa, Oriente Medio e África na
categoría de entre 14 e 16 anos, co que acudirán a EEUU en representación desta
área.
Máis polo miúdo, estas dúas alumnas
galegas de 15 anos de idade, viaxarán ata Washington en marzo, onde
participarán nunha serie de actividades e eventos destinados a dar a coñecer as
súas achegas e recibirán cadanseus IdeaPad U300s ultrabook de Lenovo para
traballar en novos e innovadores proxectos.

- Laura Calvo, o profesor Javier Méndez e María Vilas nunha imaxe publicada por La Voz de Galicia
Asemade, poderán gozar dun voo
sen gravidade, e facer unha visita especial ao Museo Aeroespacial Udvar-Hazy en
Dulles, onde terán a oportunidade de participar na cerimonia de entrega de
premios e cear co resto de participantes e organizadores.
Ese mesmo día, o 22 de marzo,
saberemos se finalmente as representantes galegas se fan co premio global da
súa categoría, que lles permitirá levar o seu experimento á Estación Espacial
Internacional, situada a 400 Km da Terra.
Poderémolo entón ver en directo
por YouTube, no contexto dun evento de celebración global da ciencia e o
espazo.
O proxecto destas alumnas
galegas, que segundo confesan
nas páxinas de ElCorreoGallego.es, foron animadas a presentarse polo
profesor de Tecnoloxía, Javier Méndez, consiste nun experimento sobre
microgravidade, para o que usaron placas de metacrilato, auga, aceite e
deterxente quitagraxas.
Máis de 150.000 usuarios de
YouTube de todo o mundo contribuíron a escoller os seis gañadores rexionais ao
votar en liña polo seu experimento favorito.
