Edisa abre filial nun dos países americanos con maior potencial de medre: Colombia

mércores, 11 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Oficinas de Edisa en Canarias

A empresa galega Edisa, especializada no fornecemento de recursos tecnolóxicos para a mellora na xestión empresarial, vén de subir un novo chanzo no seu camiño cara a internacionalidade. Máis polo miúdo, a compañía con sedes en Ourense e Vigo abriu presenza de seu en Colombia. Este vieiro non é novo: xa comezou na República Dominicana e antes diso en México. A experiencia de Colombia tamén vén de antigo, pero agora a novidade está na confirmación oficial da mesma con filial propia incluída. O mercado deste país, engade a empresa, é a todas luces prioritario e presenta un gran potencial de medre.
Por esta razón, xa se contrataron tres consultores que pasarán a integrar a nova filial da empresa en Bogotá, cuxa apertura está prevista para este mes de xullo en 2012. “Consolídase así o espallamento de Edisa en Latinoamérica”, engade a firma, “cunha estratexia de creación de sedes propias semellante á que se xa se seguiu durante todos estes anos tamén en España”. Esta aposta, explican fontes da empresa galega, non significa que a empresa poida tamén contar con socios locais ou firmas colaboradoras, “pero considerouse clave o contar con presenza propia en tódolos países nos que estea previsto un importante nivel de desenvolvemento, como é o caso de Colombia, onde xa se levaron a cabo importantes proxectos nos últimos meses “.