Educación felicita ao colexio de Boqueixón-Vedra polo éxito do seu proxecto Computación na nube
venres, 14 de outubro do 2011
A finais do pasado mes de setembro, os responsables do proxecto Computación na nube, que se leva a cabo no Colexio Rural Agrupado (CRA) Boqueixón-Vedra, desprazáronse ata Madrid para recoller un galardón como finalistas nos Premios Internacionais Educared, dirixidos a recoñecer o máis salientable da formación 2.0 no eido iberoamericano.
Mais desta volta, foron as entidades públicas as que se achegaron ao centro de ensino galardoado, e da man do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, os mandatarios galegos fixeron chegar as súas felicitacións aos membros da comunidade escolar do Colexio Rural Agrupado (CRA) Boqueixón-Vedra pola súa “exitosa participación no Premio Internacional de Educared”.
O centro acadou o cuarto posto neste certame, despois de ser elixido entre os 200 finalistas que pasaron a última fase do premio, ao que inicialmente se presentaron 4.000 proxectos de 29 países.
Durante a súa visita á escola unitaria de san Xiao de Sales (unha das 7 que conforman o CRA), Vázquez Abad destacou, entre outras cousas, a importancia desta iniciativa de comunidade virtual para combater a dispersión poboacional do rural, e neste senso, Vázqued Abad, que foi recibido pola directora da escola, Yolanda Neira, sinalou que “grazas á tecnoloxía cloud afrontamos esa dispersión favorecendo a actividade do profesorado”.
Este proxecto piloto de cloud computing, que está a funcionar á perfección nas 7 escolas que compoñen o CRA, contou coa colaboración da propia Consellería, que achegou equipamento informático por valor de 10.000 euros, e tamén do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), grazas a quen a iniciativa foi unha das tres seleccionadas a nivel mundial na convocatoria Cloud Computing and Education, financiada por HP.
Isto posibilitou que os membros da comunidade educativa do centro viaxaran ata Nova Delhi para participar nunha reunión mundial de proxectos de cloud, e deran a coñecer o proxecto alén das nosas fronteiras. Alí, por certo, representantes da India, China, EEUU, Kenia e Reino Unido mostraron o seu interese polo proxecto implantado no CRA galego.
A plataforma, desenvolvida a partir de software libre e código aberto aos usuarios, é moi doada de empregar e pode ser utilizada tanto polo profesorado como polos estudantes e as súas familias.
