Educación presenta os proxectos gañadores dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística
mércores, 16 de decembro do 2009
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, mailo director
xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis
Mira, veñen de facer públicos os proxectos gañadores dos Premios de Innovación
en Normalización Lingüística, que convocan estes dous departamentos da
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para fomentar o uso do
galego e concienciar sobre a riqueza colectiva que supón ter unha lingua propia,
a través do uso das TIC.
Os proxectos premiados, que debían estar baseados no uso das novas tecnoloxías
como fonte de información e de comunicación con outros grupos sociais, serán
postos en marcha no presente curso escolar e destacan pola súa calidade e
diversidade temática.
O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, salientou os contidos
que o xurado considerou especialmente interesantes, que foron, segundo
informou, “a introdución do audiovisual
nas aulas, o achegamento ás novas tecnoloxías, a aproximación á lingua galega
en todas as manifestacións posibles e a posta en valor do multilingüismo”.
Os sete centros galardoados deste ano, que recibirán un premio de 3.000
euros, foron o CEIP Aguiño, de Ribeira, por Mar
de mulleres asolagadas; o CEIP A Gándara, de Carballo, co proxecto Mergullados nos mares da palabra; o CEIP
A Pedra, de Bueu, polo traballo Galegos e
galegas de aquí e acolá; o CEIP Bergantiños, de Carballo, que se
presentaron con Casas de aquí e acolá;
o CEIP Quintela, de Moaña, por En galego
pola rede; o IES Menéndez Pidal, da Coruña, polo proxecto A aldea global: Galicia é máis Galicia cando
é todos os mundos; e finalmente, o IES Sardiñeira, tamén da Coruña,
premiado por LinguaTIC@s.
Debido á calidade e á cantidade de proxectos presentados este ano,
concedéronse un total de catro accésits de 1.000 euros cada un. Estes
recoñecementos foron para o IES Félix Muriel, de Rianxo, polo traballo Abrindo portas en galego; para o IES
Perdouro, de Burela, que presentou o proxecto Dinamización Lingüística de Burela; para o IES Rodeira, de Cangas,
que fixo Vivir en galego. Queremos.
Podemos; e mais para o IES Porto do Son, de Porto do Son, polo traballo 2010. Vinte dez.
Xornada de formación para os profesores e difusión dos traballos a través da rede
Ademais da contía económica, os premios inclúen unha xornada de formación
para o profesorado implicado na elaboración de todos os proxectos, durante a
cal tamén poderán compartir as súas experiencias. Ademais, as iniciativas dos
proxectos premiados serán difundidas a través da rede e publicaranse os
materiais educativos producidos na web
de Política Lingüística, , e no enderezo da Consellería
de Educación.
Esta convocatoria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria
constitúe unha iniciativa que busca fomentar o uso do galego oral tanto dentro
coma fóra das aulas, así como o achegamento á realidade sociocultural de
Galicia a través de proxectos educativos innovadores. Ademais, estes premios
teñen o valor engadido de promoveren a utilización das novas tecnoloxías e a
implicación de entidades culturais, asociativas, empresariais, recreativas e
deportivas.
