España é o segundo país coa banda larga máis cara da OCDE

luns, 16 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A OCDE publicou o seu informe anual sobre o estado das telecomunicacións, destacando o crecemento da banda larga como sistema de comunicación á Rede con xa o 60% dos usuarios (dentro dos países membros do organismo). Tamén destacaron que nos países onde a fibra óptica entra en xogo as velocidades de acceso son mellores e máis baratas, destacando que no Xapón contan con conexións de 100 Mbps, o que multiplica por 10 a velocidade media do estudo. Confirmando o anterior, o prezo por megabit no Xapón é de só 0,22 dólares, fronte ós 81,13 dólares que se pagan en Turquía ou os 2,20 dólares de España (aínda que temos que lembrar que se trata das tarifas mínimas por país, pois o normal é pagar moito máis por conexións de 1 Mbps).

Comparativa dos prezos da banda larga na OCDE

Os datos publicados no informe corresponden ó pasado mes de outubro, e reflicten un descenso dos prezos das conexións a través de DSL dun 19%, mentres que as velocidades se incrementaron un 29%, comportamento que tamén se produce nas redes de cable.
Por desgraza, este informe da OCDE volve a deixar constancia da mala situación de España no tocante ós prezos dos seus accesos á Rede, sendo o país máis caro da OCDE despois de México. Temos así que conectarse á Internet por banda larga en España custa 45,14 dólares, mentres que en Portugal custa 37,44, no Reino Unido 29 dólares e en Suecia 10,79 dólares.