Google Earth sinalizará nos seus mapas os proxectos da WWF/Adena

martes, 13 de marzo do 2007 Raquel Noya

Semella que ningún recuncho do mundo se lle escapa ó Google Earth. Os millóns de ollos dos usuarios que o descargaron dende que entrou en funcionamento poden vixiar de xeito constante o que acontece no globo terráqueo a través de imaxes vía satélite sen ter que moverse dos seus asentos. Por se non houbera mundo que ver e marabillas que albiscar a través deste innovador software, os internautas (a partir de agora) tamén poderán consultar os máis de 150 proxectos que a WWF/Adena leva a cabo por todo o mundo para a conservación do planeta. Isto é posible grazas ó acordo de colaboración que veñen de asinar ambas compañías, mediante o que o “todopoderoso” Google Earth comprométese a sinalizar (a través do panda, emblema de Adena) as máis de 150 localizacións xeográficas dos proxectos da organización ecolóxica.
Pero a colaboración non se limita á sinalización, senón que tamén inclúe unha breve descrición de cada un dos recunchos localizados e unha ligazón directa á páxina web internacional www.panda.org, co fin de achegar máis información.
Con esta iniciativa, Adena quere aproximarse a unha nova (e abondosa) audiencia, que poderá coñecer de preto o importante labor de protección e conservación do medio ambiente levado a cabo pola comprometida organización. Mais este acordo non é o primeiro que pecha o coñecido rueiro virtual. Dende a súa creación, Google Earth asinou colaboracións para diversos proxectos con outros organismos como: as Nacións Unidas, o Discovery Networks, o Instituto Jane Goodall, o National Geographic, o Tracks 4 Africa, etc.
Nesta ocasión, e unha vez máis, Google Earth confirmouse como un recurso moi potente para os seus usuarios e para toda a comunidade virtual en xeral que quere saber máis sobre o mundo que nos rodea.