HELLOgalicia: nova achega de información turística de Galicia
luns, 28 de xullo do 2008
Dende o pasado 25 de xullo, as principais cidades de Galicia contan cun novo boletín mensual de turismo galego dirixido principalmente ao contorno do negocio. Cadrando co día grande do país, HELLOgalicia naceu coa vocación de se converter nun “referente da información turística na nosa terra”. Trátase (a versión en papel) dunha publicación mensual en tamaño xornal e de carácter gratuito que recolle, en catro seccións (mercar, comer, durmir e visitar) distintas propostas de lecer nas principais cidades de Galicia. Ao estar publicada nunha soa folla, a información está a disposición dos usuarios de xeito rápido e cómodo para perder o menos tempo posible en programar o tempo de ocio de todo o mes en base a propostas “que escapan do común”.
O servizo, que permite a interactuación dos lectores a través do blog hellogalicia.wordpress.com (onde se poden manifestar e dar a súa opinión e valoración das propostas e recomendacións) só de pode consultar con feitura de boletín nas cidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela.
Con todo, e segundo veñen de indicar os seus responsables (a empresa Amano comunicación), a partir dos números sucesivos “iranse engadindo novas cidades aos puntos de distribución que se complementarán con edicións locais de cada unha das cidades”.
A publicación en papel de HELLOgalicia completa un paquete de servizos de información que inclúe o primeiro número low cost de información telefónica de Galicia: o 902 024 888. A publicación conta ademais co aval do boletín electrónico semanal HELLO que dende fai cinco anos reciben máis de 1.000 subscritores e co programa Gente Viajera de Galicia que se pode escoitar cada venres na emisora radiofónica Onda Cero.
