INTECO premiado pola súa política de protección de datos

mércores, 16 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) vén de ver recoñecido o seu labor a prol da mellora da protección de datos persoais na Rede cunha mención especial da Axencia de Protección de Datos da Comunidade de Madrid que celebrou recentemente os seus Premios anuais.
O obxectivo destes galardóns é recoñecer as experiencias ou proxectos máis sobresaíntes no ámbito europeo na protección de datos persoais nas Administracións públicas e nesta VI edición, o primeiro premio recaeu no Concello de Zaragoza polo seu proxecto de actuación en materia de protección de datos de carácter persoal na web municipal.
O director xeral de INTECO, Víctor Izquierdo, recolleu o recoñecemento ao labor do Instituto no desenvolvemento de proxectos dirixidos a mellorar a protección de datos persoais, o pilar fundamental da entidade, que inclúen principalmente actividades de información, difusión, sensibilización e formación.
Con este servizo á cidadanía, pequenas empresas e Administracións Públicas, INTECO dalle pulo ó coñecemento, ás ferramentas e ás boas prácticas que permiten reforzar a protección dos datos persoais, salvagardar os dereitos dos cidadáns e, en definitiva, segundo afirman, “aumentar a confianza na Sociedade da Información no noso país”.