Iberia bota man dos iPad para mellorar a atención ao cliente en Barajas
mércores, 19 de xaneiro do 2011
A compañía de voo Iberia, que semella ter comprobado de primeira man as
vantaxes que conlevan o uso das tablets
para todo o que teña que ver coa xestión da información nas entidades (sobre
todo á hora de eliminar as impresións en papel e contribuir á conservación do
medio ambiente), vén de apostar pola tecnoloxía de Apple para levar os iPad á súa
área de atención ao cliente.
A acción inclúese no chamado proxecto
IBPad, mediante o cal se distribuirán os coñecidos trebellos de Apple entre
os responsables da área de atención ao cliente da compañía para que estes, en
tempo real, poidan ofrecer información precisa e concreta aos pasaxeiros que a
soliciten.
Iberia dotou ao IBPad de contidos propios e específicos que, segundo
informan, “facilitarán as tarefas de
supervisión e control de cerca de 30 traballadores por turno”,
suministrando información de maneira continuada dende o Hub Control Centre de Iberia en Barajas.
Este sistema pioneiro permitirá, entre outras cousas, que as persoas
responsables da área de atención ao cliente da compañía melloren a comunicación
e o servizo prestado aos clientes, ofrecendo información actualizada en
calquera punto do aeroporto.
Asemade, o proxecto supón unha mellora na capacidade resolutiva dos
empregados e a eliminación das impresións en papel, así como a visualización do
estado das fileiras de embarque para avisar con tempo ás persoas implicadas.
Entre as 30 aplicacións dispoñibles, os IBPad tamén disporán de datos sobre
a situación real dos mostradores de facturación (se están abertos, pechados, e
ata a hora prevista de peche), a listaxe dos voos con problemas de retrasos e,
de ser o caso, as posibles cancelacións ou calquera outra incidencia que lle
poida repercutir aos clientes.
