Igalia convoca a terceira edición do seu concurso de proxectos en software libre
venres, 10 de xullo do 2009

- Miguel Álvarez Úbeda, gañador da pasada edición do concurso
Igalia, a empresa galega de
desenvolvemento de software libre con sede na Coruña, vén de convocar a
terceira edición do seu Premio ao Mellor
Proxecto Fin de Carreira con Software Libre, que como nas edicións
anteriores, recoñece ao mellor PFC desenvolvido con aplicacións abertas
presentado nalgunha escola ou facultade de Galicia durante o pasado ano
académico.
Con esta iniciativa, a entidade busca
fomentar o achegamento e coñecemento dos universitarios galegos sobre o
software libre e promover o emprego de calidade baseado nas tecnoloxías da
información e a comunicación, a través dun concurso único na nosa comunidade
que conta coa colaboración de Mancomún.
O Centro de Referencia e Servizos de
Software Libre vai habilitar a Forxa para a inscrición e
publicación de todos os proxectos participantes, permitindo que estes estean
accesibles á análise e estudo de calquera persoa interesada.
A inscrición, que
deberá formalizarse antes do vindeiro día 30 de outubro na web de Igalia,
poderá realizala calquera estudante dalgunha das tres universidades galegas que
teña defendido ou vaia defender o seu Proxecto Fin de Carreira, cunha nota
mínima dun 5.0., nalgunha das convocatorias do ano académico 2008/2009.
Asemade, entre outros requisitos, o
proxecto deberá rexistrarse na Foxa de Mancomún, no tópico creado ex profeso para o premio.
O proxecto gañador, que será dado a
coñecer durante a terceira semana de novembro no salón de actos da Escola
Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, será premiado con
1.000 euros, podendo decidir o xurado a concesión dun accésit de 500 euros.
Este ano, o xurado estará composto polo
coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús M.
Benítez Baleato, á cabeza, así como por dúas persoas máis da empresa Igalia e
representantes das tres universidades galegas.
Na pasada edición resultou gañador, o
proxecto Ferramentas de análises de redes,
de Miguel Álvarez Úbeda, un alumno da UDC que foi valorado pola súa integración
previa no proxecto gvSIG como extensión non oficial.
Un ano máis, Igalia promove esta
iniciativa coa idea “de incentivar entre
outros aspectos a actividade da comunidade galega do software libre” e así
o fan constar na propia web do Premio: “canto
antes o inscribas e maior actividade teñas nos repositorios públicos, maiores
posibilidades terás de gañar".
