José Valiño e José Manuel García Oya recibirán o Premio Especial CPEIG-En Memoria de Hernán Vila

martes, 19 de maio do 2026 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio Especial CPEIG-En memoria de Hernán Vila a José Valiño Blanco, director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións de Abanca, e a José Manuel García Oya, socio director na compañía tecnolóxica galega Plexus Tech. A dobre condecoración será entregada no marco da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026 que se celebra en Santiago o 12 de xuño.

José Valiño Blanco

José Valiño Blanco

José Valiño Blanco é un directivo histórico de Abanca, ligado durante 27 anos á xestión tecnolóxica da entidade bancaria como director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións (primeiro en Caixa Galicia, despois en Novagalicia Banco –fusión de Caixa Galicia e Caixanova– e finalmente en Abanca).
Natural da Coruña, é Enxeñeiro Superior Industrial pola Universidade Politécnica de Madrid, especializado en enerxía nuclear. Tamén realizou estudos de posgrao en Harvard, no MIT (Massachusetts Institute of Technology) e no Tuck School of Business do Dartmouth College. Foi consultor en diversas empresas (Arthur Andersen, Andersen Consulting e Europa Management Consulting) como profesional experto que brindaba asesoramiento especializado.
Segundo explica, Abanca consolidou a súa función tecnolóxica enfocándose na transformación dixital, a intelixencia artificial (IA) e a modernización das súas infraestruturas para mellorar a experiencia do cliente e a eficiencia operativa.
Por exemplo, a entidade destaca en ser pioneira en España en aplicar IA xenerativa para a atención ao cliente co asistente SOFia; dispón de Abanca Innova, con centros na Coruña e Vigo; conta co seu principal Centro de Procesamento de Datos (CPD) en Galicia; e foi o primeiro banco español en implantar tecnoloxía de chaves de acceso (passkeys) na banca móbil para reforzar a seguridade.
“O meu obxectivo foi xestionar ausencias e non deficiencias. Para mellorar de continuo a calidade do software e crear unha banca dixital avanzada, levamos desde 2013 realizando máis de dez integracións, o que aportou moita rendibilidade ao banco. Coa tecnoloxía producíronse resultados rapidamente e xeráronse beneficio, e sempre defendendo o carácter galego da empresa”, sinala.
Despois do verán converterase no decano executivo en Enxeñaría da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) e tamén en responsable en tecnoloxía multinacional do grupo familiar.

José Manuel García Oya

José Manuel García Oya

José Manuel García Oya (Vigo, 1960) formouse como técnico superior en Informática de Xestión, complementada con numerosos cursos especializados, tanto de carácter técnico como de xestión e organización no ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Toda a súa carreira profesional, de máis de 40 años, estivo ligada fundamentalmente ao ámbito sanitario público e privado, comezando como programador, no seu momento, da Administración de Ambulatorios do INSALUD na provincia de Pontevedra, da que foi responsable de informática.
En 1991, trasladouse a Santiago para incorporarse a unha compañía TIC galega, desempeñando tarefas de analista e posteriormente de consultor TIC na Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, onde participou activamente na definición da Tarxeta Sanitaria de Galicia e na posta en marcha do Plan de Mellora Informática para todos os hospitais da rede do SERGAS.
En 1996 trasládase de novo, esta vez a Madrid para colaborar co Ministerio de Sanidad e o INSALUD na organización da función TIC e na definición dos principais proxectos tecnolóxicos de ambos organismos, con especial relevancia na definición e posterior dirección executiva do Plan de Renovación Tecnolóxica dos 82 hospitais e os 1.430 centros de saúde, “un fito importante e de gran éxito en todas as comunidades do INSALUD”, destaca García Oya. Tamén participou activamente no Plan 2000 e no plan das transferencias tecnolóxicas do INSALUD ás comunidades autónomas.
No 2002 regresa a Galicia, e despois dun tempo incorporouse a finais de 2007 na que hoxe é a súa casa, Plexus Tech, onde tivo a responsabilidade de crear a práctica de Sanidade nun momento de forte expansión da compañía, desenvolvendo tarefas de dirección da área e apoio ao CEO, Antonio Agrasar, na coordinación das áreas de negocio, conseguindo situar algúns dos produtos de desenvolvemento propio de Plexus na primeira liña a nivel nacional e internacional. Actualmente, García Oya ocupa tarefas de apoio ao CEO e a representación institucional da compañía.
“Nestes últimos 40 anos, a evolución das TIC en Galicia, para alguén que comezou a traballar con tarxetas perforadas e ordenadores que ocupaban habitacións enteiras, é sinxelamente espectacular, tanto no ámbito das infraestruturas, as redes de comunicación ou o software e, en paralelo, o desenvolvemento dun ecosistema de empresas que inicialmente era moi reducido e de tamaño moi contido, e que hoxe en día ten un tamaño e unha presenza importante a nivel local e global”, indica.
Segundo argumenta, esta revolución informática non se limitou unicamente ás empresas, senón que transformou tamén a sociedade galega, permitindo novas formas de comunicarse e relacionarse e acceder á información. “A dixitalización das empresas e a administración pública permitiron achegar os servizos á cidadanía, reducindo barreiras xeográficas nunha comunidade como a nosa que se caracteriza por unha importante dispersión dos núcleos de poboación. Hoxe en día podemos dicir que, sen lugar a dúbidas, a evolución das TIC en Galicia foi un elemento clave de progreso, innovación e cohesión territorial que a sitúa no primeiro nivel nacional e internacional”, destaca.

Dúas traxectorias moi destacadas

A Noite do CPEIG recoñecerá este ano as traxectorias de José Valiño, histórico director de Tecnoloxía de Abanca, e de José Manuel García Oya, “Pucho”, figura clave no crecemento de Plexus Tech, “pola súa contribución decisiva ao desenvolvemento e consolidación do ecosistema tecnolóxico galego”.
“Rendemos homenaxe a dous profesionais que, desde ámbitos diferentes, pero complementarios, axudaron a situar a Galicia como un territorio de referencia en innovación e tecnoloxía. Dúas traxectorias marcadas pola visión estratéxica, o compromiso co talento e unha firme vontade de contribuír ao crecemento do sector tecnolóxico galego”, destaca o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
O presidente do Colexio sinala que ambos representan dous perfís fundamentais para entender a evolución do sector TIC en Galicia durante as últimas décadas: “A capacidade de impulsar grandes procesos de transformación tecnolóxica desde organizacións líderes e, ao mesmo tempo, a creación dun tecido empresarial innovador capaz de xerar talento, emprego cualificado e coñecemento desde Galicia cara o mundo”.
No caso de José Valiño, Suárez explica que o recoñecemento pon en valor unha traxectoria profundamente ligada á modernización tecnolóxica do sector financeiro galego. Desde a súa responsabilidade ao fronte da área tecnolóxica de Abanca, Suárez apunta que contribuíu a consolidar capacidades tecnolóxicas de primeiro nivel e a converter a tecnoloxía nun elemento estratéxico para a competitividade da entidade. “A súa visión axudou ademais a fortalecer un ecosistema de colaboración con empresas e profesionais galegos, exercendo un importante efecto tractor sobre o conxunto do sector TIC”, argumenta.
Pola súa parte, Suárez sinala que José Manuel García Oya simboliza o espírito emprendedor e a aposta por construír desde Galicia unha compañía tecnolóxica de referencia. A través de Plexus Tech, o presidente do CPEIG lembra que impulsou un modelo empresarial baseado na innovación, as persoas e o talento, demostrando que era posible desenvolver proxectos tecnolóxicos competitivos con impacto nacional e internacional sen renunciar ás raíces galegas. “A propia compañía definiuno como un gran piar de Plexus porque, por enriba de todo, cre no valor das persoas”, lembra.
José Valiño Blanco e José Manuel García Oya recollerán o galardón na gala da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.