Máis de 190 centros de ensino galegos gozarán no vindeiro curso de conexión a Internet de 100 Mbps
martes, 28 de agosto do 2012
No marco do proxecto ABALAR, para a integración das TIC en tódolos ámbitos
do ensino galego, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA) vai facer posible que 4 novos centros educativos das provincias da
Coruña, Pontevedra e Lugo poidan gozar no vindeiro curso académico de conexión
a Internet de 100 Mbps de velocidade, sumándose así aos 187 centros que xa
dispoñían deste servizo no curso pasado.
O ente público completará nas vindeiras semanas a implantación de redes de
nova xeración nos devanditos centros, infraestruturas que, ademais de incrementar
a velocidade de conexión á Rede, permitirán o acceso simultáneo dun meirande
número de usuarios, así como a posibilidade de traballar con máis aplicacións
informáticas a unísono.
Segundo informan dende o Executivo, a implantación de redes de 100 Mbps “permite multiplicar por 10 a velocidade de
baixada e quintuplicar a velocidade de subida”, polo que o alumnado poderá
ter así “un acceso máis efectivo á Rede,
sen esperas nin contratempos”, engaden.
A mellora da conectividade dos centros educativos galegos é posible grazas
á posta en marcha do Plan de Banda Larga de Galicia por parte da Xunta, que
contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a
extensión destas redes de nova xeración (NGAs) “coas velocidades máis punteiras”, aseguran.
