Maisinternetmaisgalego.org en liña dende hoxe
venres, 27 de abril do 2007
Baixo o lema “Na rede, o que ti queiras”, a Consellería de Innovación e Industria vai desenvolver por segundo ano consecutivo a campaña +Internet+Galego+Futuro, con motivo da tripla celebración (o vindeiro 17 de maio) do Día de Internet, do Día das Letras Galegas e do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
Nesta edición, a devandita campaña pretende focalizar a súa atención nos contidos e servizos que están dispoñibles en lingua galega na Rede e para iso, abranguerá un conxunto de actividades e iniciativas que tratarán de destacar a utilidade dos contidos e servizos galegos existentes en Internet ó longo dos 17 primeiros días de maio.
As imaxes escollidas para esta campaña (que conta cun orzamento de 200.000 euros) son as de equipamentos tic e, simbolicamente, os diferentes tipos de redes, como poden ser as de pesca.
A web desta iniciativa, www.maisinternetmaisgalego.org, é accesible dende hoxe e dispón de varias seccións que, segundo o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, “amosarán o mellor da Rede galega e contribuirán á mesma con novos contidos desenvolvidos para esta ocasión”.
Maisinternetmaisgalego.org punto por punto.
- Cabe destacar que unha das principais seccións desta páxina é “Na pantalla”, unha ligazón ás mellores webs e servizos galegos que pretende facerlle ver ós cidadáns a comodidade e utilidade que supón o emprego das novas tecnoloxías.
- Aínda que cada día haberá un tema novo (tempo libre e deporte, administración electrónica, bibliotecas na rede...), a sección nacerá co tema “Na rede ti es o protagonista”, ó fío do protagonismo dos usuarios que achegan á Rede fotos, vídeos, blogs...
- Outro dos espazos destacados desta web é “Máis letras”, que recollerá a poesía de María Mariño (escritora á que se adica este ano o Día das Letras).
- “Máis humor” é unha sección que conta cunha viñeta diaria de O Carrabouxo, o personaxe do debuxante e enxeñeiro de telecomunicacións Xose Lois González que retratará a difícil convivencia entre os protagonistas e as novas tecnoloxías.
- Tamén son seccións de interese “DelicatessenWeb”, que ofrecerá as webs recomendadas polos lectores ou “Antes e despois de Internet”, que desvelará a vida de diferentes persoeiros antes e despois da aparición da Rede de Redes.
As principais actividades da campaña.
- No tocante ó actos presenciais que se desenvolverán baixo a campaña +Internet+Galego+Futuro, o conselleiro destacou un encontro en colaboracións coas universidades galegas o vindeiro 15 de maio na Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC, no que se abordarán as estratexias TIC e da Sociedade da Información nos entornos universitarios e que contará coa aistencia de representantes dos gobernos de Euskadi, Asturias e Andalucía.
- Así mesmo, en colaboración coa Consellaría de Cultura e Deporte e o Consello da Cultura, organizaranse unha serie de mesas redondas no marco de Cultur.Gal en Pontevera, no que destaca a entrevista que Víctor Freixanes realizará a Francis Pisani, profesor das Universidades de Berkeley e Standford.
- Tamén terá lugar unha xornada de desenvolvemento de software libre na xestión da información (coa achega de Mancomun.org, iniciativa da Consellería de Innovación e Industria para o software libre) dentro do X Congreso da Federación Española de Sociedades Arquivisticas, Biblioteconomía, Documentación e Museística copatrocinado coa Consellaría de Cultura.
- Pero o titular nacionalista explicou que “as actividades non se cinguirán só ás cidades galegas, senón que se desenvolverán en toda Galiza a través da Rede de Dinamización da Sociedade da Información”, polo que terán lugar actos divulgativos en concellos e asociacións nos que están presentes case 100 dinamizadores e dinamizadoras.
