Medio Ambiente contribúe á conservación da natureza cunha ferramenta en liña

martes, 3 de febreiro do 2009 Raquel Noya

Cando se trata de mellorar o espazo natural no que vivimos todo o que se faga é pouco e insuficiente. Porén, como se soe dicir nestes casos, “nunca é tarde…” polo que poñer as novas tecnoloxías ao servizo da conservación da natureza semella que sempre é unha boa idea e se cadra un dos principios da solución definitiva (aparte da boa vontade de tódolos habitantes da Terra) para pórlle freo ao quecemento da Terra ou á destrución da capa de ozono.
Agora, a fin de mellorar en todo o posible as tarefas de conservación e coidado da natureza que se están a levar a cabo no noso país, a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible vén de por en marcha o Sistema de Información Territorial e de Biodiversidade de Galicia (SITEB), que ten como principal obxectivo “mellorar o proceso de intercomunicación entre o cidadán e a devandita entidade pública”.
O director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, foi o encargado de presentar a ferramenta, que supón a integración da información relativa á riqueza biolóxica e xeolóxica do territorio mediante a tecnoloxía SIX (Sistemas de Información Xeográfica), permitindo un acceso doado á información ambiental de Galicia.
O SITEB é unha ferramenta integradora da información do medio natural galego, ao que se accede mediante un portal web, que permite a consulta de bases de datos, documentación e información ambiental de interese, así como un potente visor cartográfico, co que analizar e valorar o territorio en conxunto, contribuíndo a unha mellor xestión e divulgación dos recursos naturais.
O Sistema de Información Territorial de Galicia pretende dotar aos propios técnicos da administración, consultores e investigadores de Galicia, dunha aplicación para a análise, valoración, planificación e ordenación do territorio dende o punto de vista da conservación da natureza, subministrando toda a información posible acerca do estado de conservación da biodiversidade e xeodiversidade.
A información ofrécese, segundo os seus máximos responsables, “dun xeito intelixible”, e divídese en distintos apartados segundo a área a tratar:

Territorio: descrición da información relacionada coa xeografía galega integrada no apartado de cartografía, incluíndo os mapas de unidades territoriais e administrativas, principais núcleos de poboación e vías, límites de espazos protexidos, modelo dixital do terreo e cartografía ambiental básica.
Banco de Datos: trátase do núcleo do sistema, dende onde poder acceder á consulta dos elementos do medio natural galego e á descrición da información cartográfica do visor cartográfico. Os diferentes bloques nos que se divide o banco de datos do SITEB son: xeodiversidade, especies, ecosistemas e espazos.
Cartografía: está composto polo visor cartográfico, que integra tódalas capas xeográficas do SITEB e as achega graficamente, posibilitando en todo momento a consulta dos diferentes elementos que integran as capas.
Documentación: aglutina textos de interese en relación ao medio natural galego, incluíndo informes técnicos, diversas publicacións, textos legais e formularios.

Xunto a esta información, engádese outra de interese que permite dispoñer dos datos sobre especies do territorio galego, árbores senlleiras, especies invasoras na Rede Galega de Espazos Protexidos e, en materia de biodiversidade, os informes técnicos e estudos da Consellería de Medio Ambiente e os puntos de interese xeolóxico, xeomorfolóxico, paleoecolóxico, covas, cavidades e fervenzas de Galicia.
O Banco de Datos Ambiental completarase coa información e cartografía dos límites e unidades de xestión establecidas nos espazos protexidos de Galicia, que se vincularán cos instrumentos de ordenación e xestión existentes para os mesmos.
Os contidos desta ferramenta irán actualizándose cos traballos que se vaian elaborando en materia de biodiversidade e espazos naturais. Nesta liña, un dos obxectivos a desenvolver pola Dirección Xeral será o fomento de programas de seguimento das poboacións das especies, non só ameazadas, se non que tamén das comúns que poidan servir de indicadoras do estado de conservación dos ecosistemas.