Microsoft anuncia novos lanzamentos para os vindeiros meses

xoves, 6 de novembro do 2008 Raquel Noya

Dende o pasado día 1 de xullo, Microsoft está a reforzar a súa estratexia dirixida ao mercado de consumo coa creación da división Consumer&Online, que xa viña avalada polo éxito da campaña da compañía no mundo virtual.
Esta división agrupa as distintas liñas de negocio da compañía orientadas ao consumidor final, incluíndo as actividades de vendas, marketing e operacións relacionadas coa plataforma Windows: Windows Mobile, Windows Vista para o mercado de consumo, Windows Live, Liver Search, o portal MSN, Microsoft Advertising e o resto de servizos en liña de Microsoft, que ata o de agora se atopaban repartidos en varias áreas da compañía.
O obxectivo desta división, que está integrada por uns 100 empregados, é facilitarlles aos usuarios domésticos un conxunto de produtos, tecnoloxías e servizos en liña integrados que lles permitan compartir e organizar a súa “vida dixital”, creando “novas experiencias de uso”.
O compromiso da casa Microsoft é achegarlle ao consumidor final unha única experiencia que abranga información, comunicación e lecer, subministrando tecnoloxías innovadoras máis doadas de empregar, máis intuitivas e máis accesibles.


Vindeiros lanzamentos


Dende a posta en marcha de Consumer&Online, Microsoft está a traballar por facer realidade esta aproximación ao usuario final a través de novos produtos e servizos baseados nunha fonte de investimento en I+D.
Servizos tales como o centro de soporte gratuíto WindowsVistaresponde.com, que axuda ao usuario doméstico a instalar e traballar con Windows Vista, a versión final de Internet Explorer 8, que verá a luz nos vindeiros meses e a renovación dos servizos Windows Live co lanzamento de 6 programas e 10 novas aplicacións web.
No que se refire a novidades en sistemas operativos, a finais de 2009, verá a luz a nova versión de Windows, denominada Windows 7, que xa foi distribuída a máis de 7.000 desenvolvedores na súa versión beta durante a Professional Development Conference.
Asemade, nos vindeiros meses chegarán ao mercado novos dispositivos móbiles que aproveitarán ao máximo a funcionalidade de Windows Mobile.