Muxía acolle a exposición itinerante Galiciadixital
luns, 31 de marzo do 2008
O vindeiro martes día 1 de abril ás 12:00 horas vai ter lugar no Museo do Voluntariado de Muxía a inauguración da exposición audiovisual Galiciadixital que organiza a Secretaría Xeral de Comunicación en colaboración co Concello.
O acto contará coa asistencia do director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias, o alcalde do Concello de Muxía, Félix Porto Serantes, e un grupo de alumnos do Colexio Público Virxe da Barca.
Esta peculiar exposición vén de facer a súa última parada no encontro tecnolóxico Xuventude Galiza Net, que tivo lugar recentemente en Santiago de Compostela, e no que se puideron ver -entre outras cousas- proxeccións e xogos en 3 dimensións, un botafumeiro virtual e unha viaxe figurada polas festas máis importantes da nosa comunidade.
En palabras dos propios organizadores, Galiciadixital ofrecerá na localidade da Costa da Morte “unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que envolven ao visitante e que lle permiten gozar dunha experiencia nova e divertida”.
Esta exposición, “converxencia entre arte e tecnoloxía”, ten como obxectivo achegar o audiovisual e os multimedia á cidadanía e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais realizados por empresas e universidades galegas.
A entrada para Galiciadixital en Muxía será de balde para tódolos públicos e estará na localidade do vindeiro 1 ao 6 de abril en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
