Nace Exeria, unha ferramenta para empregar o galego de xeito non sexista
martes, 20 de xaneiro do 2009
A Vicepresidencia
do Goberno da Xunta de Galicia maila Consellaría
de Innovación e Industria, veñen de pór a disposición das/os galegas/os
unha nova ferramenta informática que permite facer uso dunha linguaxe non
sexista na edición dos nosos textos.
A aplicación,
coñecida como Exeria, está desenvolvida en
código aberto e intégrase no paquete ofimático OpenOffice.org. Como dixemos, a
súa principal función é a de facilitarnos uso dunha linguaxe non sexista, a
través dunha axuda interactiva que reflicte un tratamento igualitario da
linguaxe e que favorece, deste xeito, o cumprimento dos obxectivos do V Plan do
Goberno galego para a igualdade entre mulleres e homes 2007-2010.
Asemade, Exeria
compleméntase cun buscador de equivalencias e solucións na Rede e facilita a construción dun discurso máis
inclusivo, ofrecendo alternativas e solucións para aqueles termos que poden,
nalgúns contextos, implicar un uso discriminatorio no que atinxe á linguaxe.
Con esta
aplicación informática, a Secretaría Xeral de Igualdade e a Dirección Xeral de
Promoción Industrial da Sociedade da Información (organismos directamente
responsables da ferramenta) aumentan a oferta de material en soporte
informático e garanten o acceso ás tecnoloxías da información e das
comunicacións á sociedade galega en xeral e, en especial, aos e ás profesionais
da Igualdade e ao persoal da Administración galega.
A encargada de
presentar esta nova aplicación perante os medios de comunicación foi a
secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, quen explicou que Exeria é unha
aplicación que facilita a revisión lingüística de textos e ofrece alternativas
para un uso non sexista da linguaxe, detectando unha serie de termos
susceptibles dun uso sexista para propoñer diferentes suxestións e
alternativas. O obxectivo principal é “orientar
na revisión da documentación para xerar discursos en que a linguaxe teña un
carácter inclusivo”.
A nova aplicación
informática está xa dispoñible no enderezo electrónico http://www.exeria.net, desde onde pode ser
descargada por todas as persoas interesadas.
