Nace a galega Rustilares.com, especializada en material de construción para vivendas rústicas
martes, 20 de decembro do 2011
Os creadores de Bricolaris.com, unha vella coñecida de Código Cero que dende Vigo saltou á Rede para vender os seus produtos de bricolaxe a prezos máis competitivos que nas tendas físicas (coa comodidade que caracteriza a estes comercios en liña), veñen de collerlle o gusto a este soporte virtual, e acaban de lanzar unha nova web dende a que dar saída a todo tipo de material de construción para vivendas de tipo rústico.
Trátase de Rustilares.com, a nova tenda en liña do grupo Bynet Stores, dedicado ao desenvolvemento e participación de tendas de comercio electrónico.
Desta volta, este grupo de innovadores apostan por mostrar dende unha fiestra virtual as últimas tendencias en decoración e equipamento do fogar, das que segundo din, “apuntan a un interese crecente polo clásico, o vintage ou o antigo”.
Din que “non se trata dunha ola de melancolía nin dun rexeito á modernidade, senón dunha nova reinterpretación do pasado, unha homenaxe á tradición que continuamente se reinventa adaptándose aos novos tempos”. Xa que logo, as cores, as texturas, os materiais, os produtos de “onte”... que teñen tan boa acollida nos fogares actuais, teñen o seu lugar nesta web, onde podemos atopar dende chemineas, ata cociñas de leña, pasando por bañeiras, billas, escaleiras, ventás, mobles de terraza e ata cruceiros para adornar o xardín, que lle dan ás nosas vivendas ese estilo rústico, tan tradicional e moderno á vez.
Rustilares.com é, en poucas palabras, un comercio en liña no que se mestura o clásico e tradicional co actual e innovador, onde grazas aos adiantos tecnolóxicos, permítenos dispoñer dende a Rede dun amplo abano de produtos e materiais de construción á medida das nosas posibilidades.
Os fundadores de Rustilares.com, Tomás Outón e Jesús López, coinciden en que os produtos que se venden na nova tenda en liña “son moi especiais, e por iso tamén o é a forma na que se efectúa a compra”, afirman; desta maneira, a web non só dispón dos últimos avances no comercio electrónico para adquirir os produtos de maneira completamente segura e rápida por Internet a calquera hora do día e dende calquera lugar, senón que ademais conta cun departamento de enxeñaría con persoal especializado para que o cliente poida informarse e asesorarase acerca da compra que vai realizar en cada momento.
Desta forma, din, “tradición e modernidade danse a man, con novas canles de venda e novos produtos orientados ás necesidades actuais do consumidor, porén coa esencia, o estilo e o trato personalizado de sempre”, aseguran.
